NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOHORARIOHORARIO
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Peregrinación á Xerusalén Negra

-
Fernando Moleres

O programa expositivo «Peregrinacións no Mundo» iniciado no ano 1999 polo Museo das Peregrinacións, ten por obxectivo presentarlle ao público outras peregrinacións distuntas da xacobea, xa presentada nas súas salas de exposición permanente. Dende entón, intentouse mostrar a importancia que o fenómeno da peregrinación reviste noutras relixións, pertencentes a distintos pobos e partes do mundo e fíxoo da man de grandes fotógrafos como C. García Rodero, Micha Bar-Am, N. Castellano, J. Esteva, etc. Grazas a eles fomos coñecendo peregrinacións tan impresionantes como o Kumbha Mela (A India), o lendario Camiño de Kumano (O Xapón), a impresionante peregrinación ao Monte das 6.000 cruces en Grabarka (Polonia), etc.

Continuando nesta mesma liña, e intentando potenciar o espírito comunicador que dende sempre e en todo lugar tiveron os camiños de peregrinación, o Museo das Peregrinacións presenta a exposición de Fernando Moleres «Peregrinación á Xerusalén negra». Unha peregrinación que cerca de 50.000 cristiáns ortodoxos etíopes realizan todos os anos cara a Lalibela -unha pequena localidade perdida no corazón de Etiopía- para celebrar o Nadal, a Epifanía e a Pascua.

Lalibela acolle un marabilloso conxunto de once igrexas e un centro monástico, todo iso escavado en rocha no século XII. Este marabilloso conxunto, formado por monumentais igrexas monolíticas, é o froito do soño dun monarca. Iso é, polo menos, o que contan as Actas de Lalibela, un libro etíope do século XV. Vítima dun envelenamento, o rei Lalibela caeu en estado de catalepsia durante o cal un anxo levou a súa alma ao ceo e alí puido observar unhas construcións marabillosas que Deus lle ordenou repetir na terra. Ao cabo de tres días, Deus devolveu a súa alma ao mundo terreal e dende ese momento, homes e anxos, cóbado con cóbado, construíron Lalibela, unha copia africana de Xerusalén, cun pequeno regueiro que recibe o nome de Xordán e onde un outeiro é coñecido como Monte Tabor. Aínda que a realidade sexa moito máis prosaica -xa que os anónimos autores dos templos cristiáns foron en realidade coptos exipcios fuxidos dunha persecución relixiosa-, Lalibela non deixa por iso de ser fascinante.

Aínda que actualmente o cristianismo é practicado por menos da metade da poboación etíope, o resto profesa o Islam, diferentes crenzas animistas e mesmo a fe xudía, os seus fieis considéranse un pobo elixido e gardián da célebre Arca da Alianza.

A súa antigüidade -segunda metade do século IV-, e sobre todo o seu illamento, fixeron que a igrexa etíope desenvolvese formas de liturxia e espiritualidade propias. Cualificada de monofisista -xa que considera que Cristo é só divino e non humano- e de copta -pola estreita relación que mantivo deica 1959 co patriarcado de Alexandría-, asume, porén, elementos do xudaísmo, como a circuncisión ou os días de xaxún, e das crenzas relixiosas precristiás.

A peregrinación comeza, como cada ano dende hai oito séculos, coa confluencia nunha explanada central das distintas procesións procedentes de cada unha das igrexas. Todos se dirixen cara ás piscinas que nutre o río Xordán para pasar alí a noite. Á mañá seguinte, centos destes fieis renovarán o seu bautismo nas súas augas e con iso a peregrinación tocará á súa fin. Homes e mulleres inician o regreso a casa, espéraos un duro camiño e noites ao raso, pero volverán coa pegada imborrable que Lalibela deixa en todos aqueles que se acercan a ela.

 

Fernando Moleres (Bilbao, 1963). Comeza a súa traxectoria profesional nos anos 90. Dende entón non deixou de viaxar e fotografar medio mundo facendo fincapé nos máis desfavorecidos. O seu magnifico proxecto "Children at work" valeulle para alcanzar o recoñecemento internacional nos principais medios e institucións relacionados coa arte da fotografía. Porén, o seu campo temático non se limita ao mundo infantil. Na exposición que a partir o 12 de xullo presenta o Museo das Peregrinacións -dentro do programa expositivo "Peregrinacións no Mundo" no que este museo leva a traballar dende hai anos- teremos ocasión de gozar dun dos seus mellores traballos: "Peregrinación á Xerusalén negra". Trátase dun fermoso documento fotográfico no que se narra a peregrinación a Lalibela, unha pequena localidade perdida no corazón de Etiopía na que se reproduce a cidade de Xerusalén escavada na roca e á que cada ano acoden cerca de 50.000 cristiáns ortodoxos para celebrar o Nadal, a Epifanía e a Pascua.