Natural da vila de Alhóndiga, pertencente ao partido xudicial de Sacedón na provincia de Guadalajara. Nace alí o 14 de xullo de 1696. A súa presencia en Santiago de Compostela aparece rexistrada por primeira vez na partida do seu matrimonio, o día 29 de marzo de 1728, en que contrae nupcias con Antonia Jacinta de Aldemunde, filla do impresor Antonio de Aldemunde, xa falecido, na parroquia de Santa María Salomé. Cabe supoñer que el se tratara dun oficial que levara xa algún tempo na imprenta de Antonio Aldemunde e que se unira á familia do seu patrono, posto que entendía o negocio. O matrimonio Aguayo establécese na rúa do Callobre (a actual das Orfas), pertencente á parroquia de San Fiz. Aquí nacerán os primeiros fillos do matrimonio, María Josefa Antonia e Ignacio Antonio, que o sucederá no oficio de impresor. En 1731 o matrimonio aparece domiciliado no barrio de Mazarelos, onde nacen outros dous fillos, Antonia Francisca Xaviera e Isidro Francisco, que é apadriñado polo coengo Francisco Barona, o que mostra as boas relacións de Aguayo co cabido compostelán, do que era impresor titular dende 1731. Este non será o domicilio definitivo da familia, que se trasladará sucesivamente á parroquia de Santa Susana e á de Salomé (nunha casa arrendada polo cabido). Ingresa en diferentes confrarías compostelanas, debido á súa devoción e os seus constantes cambios domiciliarios; así, o 27 de xullo de 1732 entraron os esposos na Confraría de San Joaquín e Santa Ana, dando de esmola pola súa entrada catro reais de prata. Ao seguinte ano, na Xunta celebrada polos confrades o 23 de marzo de 1733, ofreceuse Ventura Aguayo a imprimir mentras vivise tódalas estampas de San Joaquín e Santa Ana que cada ano necesitara a Congregación. O 24 de febreiro de 1738 ingresan na Venerable Orde Terceira de Penitencia. O 18 de xullo de 1741, ingresa Antonia Jacinta (a esposa) na Congregación de Nuestra Señora de los Dolores e catro anos máis tarde fai o mesmo Ventura, estando exento de oficios, excepto o de asistente e pagando a entrada e caridades anuais, coa obriga de imprimir o que se ofreza a dita congregación ordinariamente. A esposa do impresor falece en abril de 1752 e Buenaventura Aguayo o 2 de maio do ano seguinte, sendo enterrados na capela da Soledad da parroquia de Salomé. Buenaventura Aguayo traballaría de oficial na imprenta de Antonio Aldemunde, continuando na mesma á morte deste polo seu matrimonio coa filla do impresor. A imprenta achábase situada na Rúa Nova, no tramo do Cantón que a comunicaba coa Praza do Toural (onde hoxe se sitúa Almacenes Olmedo). A primeira noticia do seu oficio como impresor é de 1729, na que o Reximento compostelán lle paga a impresión das Ordes Reais para os fachos da Costa do Mar. Do seu taller saíran importantes obras, que decora con varios gravados. Dende 1731 e até a súa morte usa o título de ´Impresor da Santa Iglesia´, como titular do Cabido compostelán. Para este centro fará durante estes anos numerosas impresións de compostelas, cartas coa publicación do santo xubileo, cuadrantes de coro e caderniños para os psalterios de coro. Estará ao servizo do arcebispo Gil Taboada, imprimindo en 1747 as Constituciones Synodales ás que nos referimos. Imprimirá tamén a Oración fúnebre deste prelado (El iris de la paz justa parentación, que a la memoria del Illmo. Señor D. Cayetano Gil Taboada Arzobispo y Señor de Santiago, ofrece en eterno monumento de su filial gratitud, su más Reverente Familia, de Facundo Lozano, 1751) e a de Fernando Ignacio de Arango, bispo de Tui (Oracion fúnebre en las Honras, que a la memeoria del Illmo. Señor D. Fernando Ignacio de Arango y Queipo, Obispo y Señor de Tuy, consagró el día veinte de mayo en la Iglesia Cathedral de Tuy, la gratitud de su familia, 1745). Para a Confraría do Apóstolo Santiago do Hospital Real imprime en 1746 os seus Sumarios de Indulxencias. En 1751 saen do seu taller as Providencias Reales, que por mandato de la magestad del rei nuestro Señor D. Fernando VI se han comunicado... A la Universidad de Santiago, outra das obras fundamentais deste impresor, onde inclúe un gravado de Juan Mateo Aguirre, reutilizando algunhas das viñetas feitas por Jacobo de la Piedra para as Sinodales de Gil Taboada, ademáis da orla estampada no seu testamento. Tamén destacan entre as súas obras a impresión de diferentes Follas de Graos, belamente ornamentadas con artísticas orlas e gravados.
De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela