NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Orante con vanitas

Orante con vanitas
Orante con vanitas
Autores/as
Escola flamenga
Comentario

No anverso figura na parte baixa e nun primeiro plano, un orante axeonllado, volto cara a esquerda do espectador. Vestido cunha ampla prenda talar a xeito de loba ou balandrán branco de mangas perdidas que permite a saída dos brazos, apreciándose as mangas negras da prenda interior, deixando asomar os puños da camisa así como o colo. A prenda exterior presenta unha rica decoración moi minuciosa a base de rica pasamanería pechando a abertura das falsas mangas e tamén no que se pode apreciar da parte dianteira.

A cabeza adquire un tratamento moi detallado. Cabelo curto, ollos expresivos e ben traballados, nariz boca e orella en consonancia co resto, barba completa e recortada. Presenta unha actitude implorante.

O fondo fai percibir a sensación dun interior intimista e organízase en rexistros aparecendo no primeiro unha mesa na que repousa un libro á esquerda e un tinteiro con varias plumas na parte oposta. Nun nivel superior, nun andel, unha chea de libros perfectamente colocados. Encima aparece, de esquerda a dereita, un reloxo de area, unha caveira humana así como unha vela nunha palmatoria cunha despabilador. A parte superior da escena presenta un fondo abstracto escuro, roto pola presenza dunha ventá acuartelada.

Polo reverso a metade dereita da representación heráldica que se completaría coa outra metade pintada na porta contraria (Inv. D-1096) e que se describe a seguir. Partido. Primeiro cuartelado: primeiro e cuarto de azur un león de ouro; segundo, de gules catro crecentes de ouro, os superiores ranversados; brochante, unha cruz potenzada de ouro. Segundo, de prata dúas chaves en azur, flanqueadas de seis lunetes de gules e acompañada de tres lises de ouro, unha en xefe e dúas en punta. Ao timbre, helmo adestrado con lambrequíns brancos rematados en axóuxeres.

Santiago peregrino

Santiago peregrino
Santiago peregrino
Autores/as
Escola castelá
Berruguete, Pedro
Comentario

Representa a Santiago o Maior con atributos propios da súa condición de peregrino. Sobre un fondo rematado en arco e decorado en ouro con motivos fitomorfos estilizados agrafiado e puntillado, preséntase ao Apóstolo de fronte e en formato de busto longo vestindo unha túnica de manga longa en verde e encima un manto en tons azulados con forro vermello dotado dunha ampla cenefa no colo decorada en ouro e ribeteada polos bordes. A man dereita está de fronte en actitude debendicir mentres que a esquerda, á altura do ventre, sostén entre os seus dedos o bordón. A faciana mostra un tratamento naturalista propio dun retrato no que se aprecian resgos singulares en detalles, actitude e coloración da pel que lle outorga un semblante de calma e sosego coa vista posta no infinito. Os beizos debúxanse con precisión así como o bigote que se une á barba bífida e de tonalidade roxiza. Polos laterais apréciase o cabelo que mesmo cae encima da cenefa do manto. Un amplo sombreiro en verde, de aba ancha en horizontal e copa semiesférica, ben calado, cubre a cabeza case ata a altura das sobrecellas. Sobre a fronte na copa albíscanse insignias de peregrino destacando unha vieira. Este último detalle, xuntamente co bordón, son os dous únicos elementos distintivos para a identificación desta figura co apóstolo Santiago, do que se salienta a súa condición divina por medio dun halo no que parece estar grafiado un texto alusivo e él. O bordón é de gran tamaño, con dobre pomo e gancho. Disponse en oblicuo na parte anterior esquerda do Apóstolo.

Pola súa banda, o marco responde claramente a modelos moi utilizados na primeira metade do século XX, deseñados e elaborados polo taller dos Cano que, con inspiración en orixinais góticos e renacentistas principalmente, fabricaron enmarcamentos para resaltaren de xeito fundamental táboas cronoloxicamente próximas á agora descrita, tendo os orixinais saídos deste obradoiro unha alta valoración entre os especialistas.

Dimensións específicas da táboa: Alto sen marco: 38 cm. Longo sen marco: 27 cm.

Santiago peregrino

Santiago peregrino
Santiago peregrino
Autores/as
Zeitblom, Bartholomäus
Comentario

Representación da figura Santiago de corpo enteiro, en actitude de andar e virado en tres cuartos cara a dereita do espectador. Un amplo manto de intensa cor azul cobalto cubre practicamente a totalidade do corpo do Apóstolo en tanto que se recolle por diante e cae polo ombro dereito ocultando mesmo a súa man e parte do sinxelo báculo que suxeita coa esquerda. Esta artificiosa disposición incrementa a formación duns pregues acartonados que dotan de volume e movemento á prenda mediante á alternancia de luces e sombras. Apenas insinuada ante o protagonismo absoluto do manto, albíscase unha túnica de tonalidades lilas que chega ata os artellos, de manga longa e de colo en forma de tira que se pecha con botóns. Calza unhas botas que semellan ser de badana, de cana baixa (borceguíns), que se cinguen cunhas correas que se fan pasar por unha fibela metálica.

Sobresae, así mesmo, o tratamento da cabeza, realizada mediante un debuxo de trazo seguro e solto. A faciana de Santiago recréase con duras faccións, pómulos saíntes, nariz recto, cellas lixeiramente arqueadas, ollos executados con detalle mirando ao infinito e con barba e melena de cor louro. Cóbrese cun estudado sombreiro, posiblemente de coiro, con copa semiesférica e aba ancha volta decorada cunha gran cuncha de vieira naturalista na que se pode apreciar mesmo unha perforación para facilitar o cosido. Un gran nimbo circular e liso, aínda que con trazos de burelado (tal vez, para resaltar o efecto do ouro e conseguir matices distintos) enmarca a cabeza de Santiago.

A imaxe preséntase ante un fondo de composición tripartita. En primeiro lugar, o chan, que reproduce un pavimento de pequenas lousas brancas que contribúen a dar profundidade á escena; unha parte central que recrea un panel dourado delimitado por un listel e profusamente decorado a base de motivos vexetais e xeométricos realizados mediante dobres trazos que se rechean aplicando o puntillado, técnica que contribúe a ofrecer un aspecto de brocado que aporta gran riqueza de matices. Finalmente, a parte superior, que coincide co inicio da arcada que recorre todo o perímetro e contrasta notablemente coa anterior por resolverse mediante un fondo escuro e neutro no que se resalta o nimbo distintivo da santidade do apóstolo.

O marco que contén a obra, pola contra, é actual, sendo realizado "ad hoc" reproducindo unha crestería propia da época en que foi creada a peza.

Guerreiro con estandarte e batalla ao fondo

Guerreiro con estandarte e batalla ao fondo
Guerreiro con estandarte e batalla ao fondo
Autores/as
Escola flamenga
Comentario

Polo anverso apréciase unha composición ateigada de elementos. Represéntase, nun primeiro plano, sobre unha superficie con pequenos matos de vexetación e ocupando máis da metade da altura, un guerreiro de fonte vestido con armadura completa de placas característica de época de Carlos V ou Filipe II composta dun helmo con penacho de plumas, peto, escarcelas, ombreiras, gardabrazos, luvas, musleiras, grebas, escarpes, etc. Sobre os ombreiros leva un manto vermello que cae ás costas e se ata no pescozo cun amplo broche en forma de vieira naturalista e unha cruz en vermello con extremos flordelisados. Sobre a armadura e en bandoleira porta unha banda anoada á altura da cadeira esquerda, de onde colga unha espada da que terma coa man do mesmo lado. Coa man esquerda sostén unha especie de lanza rematada en cruz da que colga un bandeirín bífido en branco cunha cruz grega en vermello. Do corpo do personaxe soamente se pode ver a faciana, realizada con detallismo e mestría, reproducindo unha persoa de idade media, faccións marcadas, barba completa bipartita e bigote que deixa ver o beizo inferior.

No fondo, e a distintos planos con gran profundidade de campo, pódese ven, en primeiro termo unha escena de batalla na que, un cabaleiro sobre montura branca, portando un estandarte cunha cruz vermella, ataca cao espada a un grupo de sarracenos. Nun plano máis profundo aparece un conxunto de ruínas arquitectónicas e unha zona de arborado para iniciarse a continuación unha alta montaña na que se aprecian fortificacións e edificacións varias. O ceo aparece representado de forma abstracta e en tons claros.

Polo reverso represéntase a metade esquerda dun escudo que se completaría coa outra metade pintado na porta contraria (Inv. D-1097) e que se describe a seguir. Partido. Primeiro cuartelado: primeiro e cuarto de azur un león de ouro; segundo, de gules catro crecentes de ouro, os superiores ranversados; brochante, unha cruz potenzada de ouro. Segundo, de prata dúas chaves en azur, flanqueadas de seis lunetes de gules e acompañada de tres lises de ouro, unha en xefe e dúas en punta. Ao timbre, helmo adestrado con lambrequíns brancos rematados en axóuxeres.

O escudo forma parte do reverso das dúas táboas do posible políptico: D-1096 e D-1097.

Familia da Virxe; Santa Parentela

Familia da Virxe; Santa Parentela
Autores/as
Cornelisz van Oostsanen, Jacob
Comentario

Mediante unha composición xerárquica en tres rexistros perfectamente delimitados coa intención de diferenciar o distinto status dos personaxes, represéntase á numerosa familia da Virxe, comunmente coñecida como "a Santa Parentela". Así como os dous primeiros niveis pertencen á dimensión terreal, o terceiro alude á esfera celeste.

O rexistro situado na parte inferior do cadro, máis próximo ao espectador, é o máis complexo en canto a composición e número de figuras. Dúas diagonais que converxen no centro debuxan unha "V" que condiciona a elaboración da escena. Sentada á dereita aparece María Cleofás, en actitude de ler un libro e cos seus catro fillos: Santiago o Menor, Xudas Tadeo, Xosé o Xusto (ou de Arimatea) e Simón Zelote. Detrás dela disponse o seu marido, Alfeo. Na parte oposta sitúase María Salomé, sostendo unha pera coa man dereita, e cos seus respectivos fillos: Santiago o Maior e Xoán. De igual modo, tras ela colócase o seu cónxuxe Zebedeo.

Os curmáns de Cristo aparecen diferenciados polos seus atributos: Xoán, representado como evanxelista, coa copa envelenada da que sae o dragonciño; na posición simetricamente oposta sitúase Simón Zelote, coa serra do seu martirio; na parte central, Santiago o Maior coa indumentaria de peregrino, Xudas Tadeo portando un báculo rematado en cruz (en lugar da habitual machada), Xosé de Arimatea cun barco e finalmente Santiago o Menor na parte traseira portando a maza relacionada co seu martirio.

O segundo dos rexistros tamén amosa unha composición de clara simetría axial, dispoñendo as figuras en "V" como no caso anterior. Así, Santa Ana preséntase sentada no lado dereito coas mans dirixidas ao Neno e con san Xoaquín situado tras dela caracterizado como persoa maior. No lado oposto, e tamén sentada, atopamos a María co seu fillo Xesús e, de novo, detrás ao seu esposo Xosé.

O terceiro dos niveis, relativo ao ámbito celestial, representa un ceo sobre un horizonte afatado, delimitado por pólas de árbores sen follas e presidido polo Pai Eterno baixo o que se dispón unha pomba, animal co que iconograficamente se identifica ao Espírito Santo.

En canto á factura da obra, debe salientarse o tratamento exquisito dos panos tanto no que se refire á forma como ás calidades das teas, destacando especialmente o vestido que loce María Salomé -sen ningunha dúbida, o máis vistoso de todos- con complexos brocados en ouro sobre fondo escuro, similar ao enteado que fai de respaldo de santa Ana e da Virxe. Os tocados tamén reflicten un luxo e unha complexidade propios dunha familia nobre.

Sobresae tamén a riqueza cromática do conxunto en tanto que denota unha gran habelencia técnica no tratamento de superficies aparentemente monocromas nas que os xogos dos pregues serven de desculpa para introducir matices de gradación de luz, sombra e cor que contribúen a conseguir unha aparencia de moito relevo e movemento.

Resulta curioso observar como a cabeza de todas as figuras, a excepción dos dous "matrimonios secundarios" (é dicir, María Salomé con Zebedeo, e María Cleofás con Alfeo) están adornadas con halos refulxentes (crucífero no caso de Cristo). Igualmente é de destacar o feito de que a Virxe María é a única que se representa co cabelo descuberto, algo que, xuntamente coa presenza do Neno Xesús, acentúa a diferenza establecida co rexistro inferior. Así mesmo, a disposición simétrica de santa Ana e María está poñendo en evidencia a importancia que ten a figura da Virxe en tanto que non aparece subordinada a súa nai (en contraposición ás primeiras representacións iconográficas deste tema ao longo do século XV en que santa Ana se sitúa no centro xeométrico da composición).

No que respecta á figura de Santiago o Maior, hai que dicir que se representa de neno aínda que caracterizado como peregrino, co seu bordón e sombreiro de aba ancha volta cara atrás na fronte, adornada cunha cuncha de vieira e un par de bordonciños cruzados, así como ataviado cun vestido talar en azul.

Santiago con orantes

Santiago con orantes
Santiago con orantes
Autores/as
Taller compostelán
Comentario

Sobre un soporte adaptado á configuración xeral da representación, dispóñense tres figuras rexidas por unha estrita perspectiva xerárquica e unha pronunciada frontalidade, isto é, Santiago e dous peregrinos orantes (un home e a súa muller) de proporcións moito máis pequenas por estar realizados no oco resultante entre os brazos deste e a peaña. Preséntanse axeonllados, coas mans unidas en actitude de rezo das que colga un paternóster, e ataviados coa indumentaria de peregrino: o característico saial axustado na cintura e o mantelo. Polas costas de ambos colga un sombreiro de configuración semellante ao do Apóstolo quen, igualmente, se representa vestido cunha túnica ampla ou saial que lle chega ata debaixo dos xeonllos, producindo pregues de tendencia paralela que se interrompe, non obstante, cunha composición triangular á altura do ventre. Esta túnica, máis axustada na parte superior do corpo, iría abotoada, percibíndose con minuciosidade tanto os botóns como os ollais, montando a tela da esquerda sobre a dereita como aínda hoxe sucede coas prendas de vestir masculinas. Pola parte posterior, o tratamento da mesma limítase a unha esquemática repetición de amplos pregues.

Sobre os ombreiros presenta unha esclavina longa que separa cos dous brazos e que cae ao seu aire pola parte posterior debuxando pregues paralelos, acordes cos da prenda anterior. Coa súa man esquerda suxeita o libro aberto e a cabaza, mentres que coa dereita trema do bordón (outro atributo xacobeo por antonomasia) que remata lixeiramente por enriba do ombreiro pero que proseguiría, sen dúbida, ata a altura do sombreiro para tocar a súa aba, onde aínda se evidencia o contacto. Colgada deste, á altura da súa man, disponse a escarcela que adopta (como acostuma a ser na case totalidade dos exemplares deste tipo) unha singular configuración triangular cun vértice para a parte superior.

Cubre a cabeza cun sombreiro de aba ancha volta, adornada cunha carnosa vieira na parte frontal. Esta parte, de feito, é obxecto dun tratamento moi detallado en tanto que se organiza o cabelo nunha serie de guedellas circulares, a barba se traballa con liñas paralelas que describen sinuosas curvas, diferenciando o bigote, e os ollos se recrean lixeiramente amendoados pero executados cunha gran precisión e minuciosidade, co mesmo empeño que puxo o acibecheiro para representar as cellas e mesmo os pregues horizontais da fronte do Apóstolo.

As pernas son visibles dende as coxas mostrando os pés descalzos. Esta parte inferior aparece trepanada mentres que a peaña onde se dispoñen as figuras amosa unha perforación.

"Informaçao em direito com que se satisfaz per. Parte das ordens Militares de Santiago e S. Benito de Auis"

"Informaçao em direito com que se satisfaz per. Parte das ordens Militares de Santiago e S. Benito de Auis"
Autores/as
Martins de Siqueira, Luis
Rodrigues, Jorge
Comentario

134-13(1) folios. Media pel moderna. Título no lombo en dourado sobre vermello. Portada do libro orixinal co título completo : " Informaçao / em direito com / que se satisfas per / parte das ordens militares de Santiago, & S. Bento de Auís, a todas as propostas, & duuidas / que contra ellas moue o Reuerendo / Arcebispo d Euora."



A continuación prosigue unha relación dos Xuíces delegados do papa Urbano. Aparecen debaixo as cruces dar ordes militares de Santiago e Avís. Encima da de Santiago aparece a palabra "Iustitia". Debaixo "Osculata". Sobre a cruz de Avís "Pax.". Debaixo: Sunt."

Retrato de la imagen milagrosa de Nuestra Señora de Roncesvalles

Retrato de la imagen milagrosa de Nuestra Señora de Roncesvalles
Retrato de la imagen milagrosa de Nuestra Señora de Roncesvalles
Autores/as
Leonardo, J. F.
Comentario

A composición ten como centro a imaxe da Virxe de Roncesvalles, pero organízase en tres rexistros. O primeiro corresponde ao mundo terreal e está deseñado de xeito simétrico pero representando dúas realidades distintas; á dereita un grupo de peregrinos, coa indumentaria tradicional da época, en actitude de pregar, dirixe os seus rezos cara a imaxe central, destacando entre o grupo un individuo con indumentaria cortesá que substitúe o bordón polo que parece ser unha vara de mando. Pola contra, o grupo oposto está constituído por personaxes de alta extracción social, entre os que hai nobres e eclesiásticos de ambos os dous sexos, en actitude de dirixir as súas oracións cara a imaxe da Virxe; da man dun dos compoñentes deste último grupo terma un escudo heráldico cuartelado con escaque e medias lúas (vinte escaques de prata e sable, 10 de cada), que se corresponde coas armas dos Goyeneche. Unha cartela ao pé reza: "Por devocion de D. Juan de Goyeneche, que dedica al muy Ille. Cabildo de la misma Real Casa"; na marxe inferior, dentro da prancha: "Retocada año 1790", e en letra máis pequena "Retocada año 1880", no extremo da dereita: "J.F.Leonardo Sculp.". O segundo dos rexistros componse dunha estrutura arquitectónica organizada en tres arcadas das que a central é maior e penetra incluso no rexistro precedente. Nel sitúase a representación da tradicional imaxe da Virxe que se venera na Colexiata de Roncesvalles. Aparece coroada, sobre barroca peaña e cun fondo de tea que colga do arco no que aparece o texto coa identificación: "RETRATO DE LA IMAGEN MILAGRSA.DENA. SA. DE RONCESVALES". No arco da dereita represéntase unha paisaxe montañosa cunha construción á que se dirixen uns peregrinos algúns dos que están a pelexar cuns lobos que os ameazan; sobre un ceo con grandes nubes unha cartela co texto: "HOSPITAL": Pola súa banda, o arco da esquerda acolle outra paisaxe semellante á anterior na que destaca unha montaña aos pés da que aparece unha fonte manando; ao seu pé un cervo descansa e un grupo de anxos vai recitando "SALVE"; sobre o ceo, tamén ameazante, un filacterio co texto: " LA FVENTE DE LOS ANGELES", que tal vez represente a que existe nas abas do monte Guirizu, en Ibañeta, que mana cara Roncesvalles e onde a tradición fai descansar a Roldán ferido pouco antes da súa morte. Na enxuta que se forma á dereita aparece un medallón cunha cruz rematada en báculo mirando a esquerda e, bordeando o texto: "+ INSIGA DELA ORN DE RONCESVALLES"; na enxuta oposta, unha representación similar, co báculo mirando a dereita e o texto: ""+ INSIGA ANTIGVA DE RONCESVALLES". Finalmente, o rexistro superior ofrece unha paisaxe en visión panorámica onde aparecen montañas, bosques, construcións e tamén o mar. No centro a imaxe estante do Salvador portando a bola do mundo; na parte superior unha filacterio co texto "CAPILLA DE CARLO. MAGO NOBLE Y REAL MONASTO. DE S. SALVADOR DE YBAÑETA". Destaca o gran perfeccionismo e o detallismo exhaustivo posto en práctica polo autor nesta obra.

Carta Executoria de Infanzonía de Sangue

Carta Executoria de Infanzonía de Sangue
Carta Executoria de Infanzonía de Sangue
Autores/as
Félix, Gregorio
Comentario

Obra bibliográfica de notable interese iconográfico pola folla miniada onde se mostra unha espléndida e orixinal representación de Santiago Matamouros na batalla de Clavixo.

Consta este documento de 25 follas de pergamiño manuscrito en negro con marcos delineados de dobre fileteado e motivos vexetais no seu interior. Ademais, unha folla branca, unha portada con gran orla decorativa en tinta negra coa presentación onde consta, ademais do nome do que o encarga, a Audiencia onde se litiga e obtén e o rei que a confirma. No seu verso, aparece, enmarcada por orla con motivos de grotescos, flores e unha pomba branca, a pintura miniada coa Virxe do Rosario nun altar que presenta na súa fronte un escudo de armas con aguia negra coas ás estendidas; diante deste, dous cabaleiros axeonllados.

Na seguinte páxina, aparece unha pintura miniada en ouro e cores que presenta un marco con armamentos, armaduras e bandeiras coa media lúa e turbantes turcos. No centro o mesmo escudo de armas que aparece no altar da Virxe. No verso desta páxina e nas tres seguintes repítese o mesmo esquema: marco de filigrana de rolos vexetais sobre fondo vermello e azul, na primeira, aguia negra do escudo de armas na cabeza e no pé do marco. No interior, texto manuscrito en tinta negra con algunha banda de cor coa certificación de armas e liñaxe de Jerónimo de Villa da casa de Sanjuan coa sinatura final e selo seco e a continuación, certificación do anterior texto por parte do Secretario do Rei e Escribán Maior de Madrid coa correspondente sinatura e a marca do adhesivo dun orixinal selo seco. No reverso desta última páxina aparece a singular representación do Apóstolo Santiago Matamouros.

Esta representación é a máis salientable. Enmarcada por unha orla de estípites, volutas, mascaróns, xarróns de flores e outros elementos decorativos e dúas cartelas, no copete e no pé, coas imaxes de san Andrés e san Francisco, respectivamente, amósase a escena co Apóstolo. Destaca, en primeiro lugar, a indumentaria do propio Santiago cunha rica armadura e helmo con penacho de plumas. Mesmo o cabalo presenta unha gornición composta de rendas, pasadores, coxín e estribos de gran riqueza. Baixo as patas do cabalo dous soldados turcos, feridos ou mortos entre as súas armas espalladas polo chan. Nun segundo plano, unha paisaxe na que se desenvolve unha batalla.

No ángulo inferior esquerdo aparece a sinatura do gravador Gregorio Félix ("Gregorio Felix F[ecit]"), algo sumamente excepcional neste tipo de documentos legais.

A páxina seguinte está enmarcada de maneira semellante á anterior, pero rematada no copete polo escudo real e máis a data da executoria (1641) e presentando na cartela do pé a cabeza de san Xoán Bautista e a cruz nunha bandexa. O tema principal é o propio san Xoán Bautista, curmán de Santiago, na súa iconografía máis tradicional: nunha paisaxe fluvial na que aparece sentado sobre unha rocha e portando a cruz e a coroa de espiñas; á súa dereita, o Agnus Dei e ao fondo, dúas escenas: o Bautismo de Xesús no río Xordán e un dos seus sermóns anunciando ao Precursor.

Todas estas follas miniadas van separadas por panos de seda unidos á encadernación, actualmente descolorados, se ben no seu día foron, seguramente, vermellos.

Cómpre salientar, así mesmo, que en canto ás súas características xerais esta executoria presenta, en relación ás regras xerais deste tipo de documentos, unhas dimensións maiores e, por outra parte, a súa decoración é moi salientable pola súa calidade e riqueza estilística e cromática xa que a profusión tipolóxica e decorativa comprende figuración humana, mitolóxica, relixiosa, elementos xeométricos e arquitectónicos, fanfarras, heráldica e motivos vexetais, florais e animais dunha grande e diversa variedade. Mesmo a parte documental manuscrita en tinta negra presenta unha grande riqueza caligráfica e decorativa nos seus encadres.