De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
Sobre un fondo neutro escuro, aparece representado, de medio corpo aínda que lixeiramente disposto en tres cuartos, o Apóstolo Santiago, ollando cara o espectador e coa cabeza descuberta circundada por un halo. O bordón sobre o que se apoia e que suxeita coa súa man dereita, no que aparece atado un pano branco, e a esclavina, coas insignias das cunchas e os bordóns cruzados, constitúen os únicos distintivos xacobeos que o identifican.
Escena bélica circunscrita a un marco rectangular que se curva na parte superior na que aparece o Apóstolo Santiago caracterizado como cabaleiro ocupando a meirande parte da representación. Preséntase vestido con armadura, manto vermello, tocado co sombreiro de peregrino adornado coa emblemática vieira e montado sobre o tradicional corcel branco disposto en posición de corveta ante os inimigos, neste caso, un exército, ao parecer, de turcos, identificados polo escudo coa media lúa que porta o personaxe que fuxe a cabalo da implacable persecución do Apóstolo. Mentres que coa súa man esquerda suxeita as rendas do animal, coa dereita sostén unha lanza coa que pretende asestar o golpe final ao infiel que está a caer ao chan xunto co seu propio cabalo. Outro mouro xace derrotado e gritando de dor no solo, aprisionado polos cuartos traseiros do corcel de Santiago.
A escena está a transmitir, pois, o dinamismo, tal vez un tanto acartonado, e a violencia propios dun episodio bélico ao tempo que amosa como o artista se recrea no seu labor pictórico mediante a ornamental disposición dos mantos ao vento rematados en bucle (en especial, o do Apóstolo resaltado, ademais, polo tamaño e a intensidade da cor), a exótica indumentaria dos mouros, tocado un deles cun vistoso turbante con plumas, e a sinuosa caracterización das colas dos cabalos.
Tras este primeiro plano onde se dispoñen as figuras, sitúase, xerando profundidade, unha árbore no extremo dereito do cadro, resolvendo o fondo mediante unha paisaxe montañosa de tonalidades frías que contrasta coas cálidas, a base de vermellos, laranxas, marróns e amarelos, do primeiro termo.
En canto á técnica, xunto ao protagonismo que adquire a liña que conforma o contorno das figuras, debe destacarse a gradación cromática coa que se xera o volume das formas así como esta delicada preocupación polo uso efectista da cor.
Finalmente, na parte inferior da escena desenvólvese a inscrición relativa á dotación da capela á que pertenceu esta obra.
-------------------------------------------------------------------------
Na colección do MDPS existe outro Santiago con lanza: Nº Inv. 585
A peza componse dunha figura principal e a súa correspondente orla decorativa con elementos fitomorfos fundamentalmente, realizado todo iso en lámina de prata. A escena representa a Santiago Matamouros. O Apóstolo aparece montado nun cabalo en corbeta sobre os mouros mortos ou feridos que aparecen espallados polo chan. Santiago porta unha grande espada flamíxera de pomo esférico así como un estandarte bífido coa cruz de Santiago en mastro rematado en cruz latina. Veste ampla túnica que describe estudados pregues que deixan ver a perna dereita de Santiago dende o xeonllo. Sobre a túnica un manto con esclavina que ondea ao vento acentuando o movemento que a posición do cabalo tamén suxire. Cubre a cabeza cun sombreiro de copa semiesférica e aba ancha levantada na parte frontal. Unhas medias calzas cubren os pés chegando ata a altura das coxas. O cabalo, cun estudo anatómico detallado, porta bridas e esporas realizadas en fío laminar sobreposto. Na parte baixa das composición dispóñense, sobre unha paisaxe insinuada, os corpos de tres personaxes ataviados con indumentaria oriental portando escudos e alfanxes e restos dun estandarte coa media lúa. Trátase dunha composición moi estudada con posturas moi forzadas que provocan escorzos ben resoltos polo deseñador da imaxe. O acabado é igualmente de gran calidade, harmonizando coa solución dada á totalidade da representación. O estandarte, a espada, o sombreiro, as bridas do cabalo e un dos escudos están sobredourados.
Rodeando a composición disponse unha orla vexetal, ben resolta sen caer no exceso de volumes que reiterativamente se poden apreciar en moitos produtos saídos dos talleres composteláns do XIX. Na parte inferior aparece unha representación dunha vieira, mentras que na superior, a maneira de copete, aparece, exenta, unha cruz de Santiago, tamén sobredourada. Os elementos en prata aparecen sobrepostos a un fondo de madeira forrado con veludo azul. A escena co Santiago Matamouros suxéitase mediante parafusos con roscas mentras que a orla se fixa coa axuda de cravos finos que se remachan polo reverso.
Non se aprecian punzóns nin marcas de ningún tipo.
Conserva no reverso, escrito en tinta negra directamente sobre a táboa e con renglóns previamente deseñados a lápis, o seguinte texto: "C. / 366 / El Emo. y Excmo. Sr. Cardenal Arzobis / po de Santiago bendijo esta Sta. Ymagn. Del / Apostol Santiago el día 28 de Julio de / 1867.= Concede 100 dias de Yndulgas. por / cada Padrenuestro y Ave María que se / rece delante de esta Sta. Ymagn. y lo mismo re / zando un Credo".
Aprécianse evidencias de haber estado enmarcada.
Retrato en busto de tres cuartos realizado ao poeta e dramaturgo do Século de Ouro, Pedro Calderón de la Barca, coa súa indumentaria de Cabaleiro da Orde de Santiago. Sobre un fondo escuro de tratamento abstracto sitúa o pintor a figura de Calderón case de fronte, cunha lixeira desviación cara á esquerda do espectador. Os rasgos da faciana do retratado traducen a pegada do tempo e dos avatares da súa vida. Carreño plasma nos pómulos saíntes e descarnados, nas liñas do entrecello, na abertura do boca, nos pregues lonxitudinais da faciana así como na escaseza, textura e cor dos cabelos, a senectude dese momento da súa vida. Un colo branco de tira estreira marca o contraste co resto da vestimenta en negro como corresponde á súa condición de Cabaleiro da Orde de Santiago ata o punto de que a duras penas se diferencia do fondo. Soamente rompen esta monotonía o "hábito" portando o distintivo da Orde de Cabalería e os dous prendedores metálicos que axustan o cordón desta distinción. O pintor encárgase igualmente de deixar constancia da Cruz de Santiago, na característica cor vermella que luce na capa e que aparece situada no costado esquerdo. A técnica e mestría de Carreño conseguen dar unha gran forza psicolóxica a un dos últimos retratos realizados en vida do famoso literato do Século de Ouro.
Esclavina de prata na súa cor decorada a burel con atributos xacobeos e palmetas enlazadas que serviría de indumentaria a unha escultura, probablemente do apóstolo Santiago, aínda ue tamén o podería ser dalgún outro santo peregrino como por exemplo san Roque.
Está realizada a partir dunha lámina grosa de prata á que se lle dá unha configuración troncocónica. Foi confeccionada en dúas partes que se unen mediante unha charnela na parte posterior e se abrocha, mediante un peche habilitado para tal fin, na parte anterior, de xeito que facilita a súa colocación
sobre a escultura. De arriba a baixo: en primeiro lugar temos unha cenefa de motivos vexetais con palmetas enlazadas, debaixo sucesión de motivos xacobeos -bordóns individuais e cruzados intercalados con vieiras-, debaixo unha cenefa de grandes floróns con vieiras intercaladas e por último, entre finos baquetons a inscrición "LO DIO EL VIRREY Don Fco. GIL DE TABOADA Y LEMOS A LA PARROQUIA DE SAN BLAS Año DE 1791"
Representación de Santiago peregrino de medio corpo, encadrado nunha simulada ventá rematada en arco rebaixado e ante unha paisaxe de fondo na que se aprecia unha cidade amurallada da que sobresaen as apuntadas torres dos edificios e da catedral de estilo gótico. Disposto en tres cuartos cara a esquerda, aparece ataviado con pesados roupaxes de grosas telas e amplos pregues, e caracterizado como peregrino, en tanto que porta o característico sombreiro coa emblemática vieira, unha esclavina verde rematada en pelo de animal colocada sobre un manto de cor vermella e o bordón de dobre pomo e gancho suxeito coa súa man dereita. Coa esquerda, sen embargo, sostén de maneira curiosa (introducindo o dedo índice entre as súas páxinas) o libro dos evanxeos, indicativo da súa condición apostólica, disposto de xeito oblicuo ao corpo e apoiado sobre o outro brazo para xerar profundidade.
A celaxe de tonalidades claras e frías contribúe a resaltar a grandeza e a forza que irradia a representación do Apóstolo, no seu monumental primeiro plano, a través do marcado acento naturalista despregado polo artista na figura, da intensidade cromática e da vigorosa volumetría das roupas, para potenciar, así, ese contraste doce coa sutileza do fondo. Esta mestría na utilización da luz e da cor consegue concentrar a atención do espectador na faciana de Santiago, a cal mesmo semella un retrato pola detallada representación das engurras, das bolsas dos ollos e polo delicado tratamento da barba. A expresión triste e preocupada da súa mirada transmite, á súa vez, un efectivo sentimento de piedade e contida emoción.
O cadro aparece enmarcado nun paspartú de veludo granate e cun marco que presenta unha inscrición en letras douradas góticas todo ao redor.
Cabaza natural policromada con figura dun peregrino, representando no alargamento superior a cabeza e no inferior o resto do corpo. Cara en tons verdosos destacando en negro, gris e rosado o resto das faccións que se realizan de xeito esquemático e con gran expresividade, marcando a barba e o cabelo que, a xeito de melen,a cae sobre os ombreiros formando bucles. Cubre a cabeza cun sombreiro de aba ancha volta e decorada cunha vieira. Veste roupaxe de peregrino en tons pardos destacando a esclavina pespuntada. Porta un bordón rematado en curva e que leva unha cabaza como distintivo dun peregrino.
Aparece asinado e datado (Granell. 1983)
Santiago en madeira estucada con escarcela e bordón. De pé nunha postura forzada de pernas cruzadas, a dereita trala esquerda. Leva os pés descalzos en alusión a súa condición de apóstolo. Veste túnica longa cinguida na cintura e sobre ela un amplo manto abotoado na parte alta do peito, permitindo a saída dos dous brazos para volver cubir cas por completo a parte baixa do corpo do Apóstolo. Leva unha escarcela cadrada á altura da cintura no seu costado esquerdo e un bordón falto da parte superior que sostén coa man dereita. Cóbrese con sombreiro de aba volta adornada cunha vieira central e dous pares de bordóns cruzados a cada lado daquela. Barba completa e partida e melena que se desenvolve en amplos bucles. A figura carece da man esquerda que tal vez termase do libro. Aséntase sobre una base de tendencia circular facetada na fronte traballada na mesma peza. Conserva restos de dourado na barba e no cabelo que posiblemente sexan restos da policromía orixinal recuberta con albaialde tal vez no século XVIII, seguindo unha moda que introduciría o neoclasicismo coas ansias de imitar esculturas clásicas, incluso no material. O albaialde daríalle unha aparencia de mármore á madeira.
Pequena figura de Santiago Peregrino representada co atuendo propio dos peregrinos: amplo sombrero de aba volta na fronte e decorada cunha vieira. Apóiase nun bordón do que terma a súa man dereita, mentres que coa esquerda leva o libro que o identifica como apóstolo. A súa utilización podería ser como doa dun rosario, de xeito semellante ao "paternóster de san Olav", ou para ir cosida sobre a vestimenta do peregrino, na esclavina ou no sombreiro.
Ver Inv. D-853 e Inv. D-943.