NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

NOVO CENTRO DE INTERESE NA BIBLIOTECA DO MUSEO DAS PEREGRINACIÓNS E DE SANTIAGO: «OS EXVOTOS NA BIBLIOTECA DO MUSEO»

Martes, 28 de Novembro de 2023

A biblioteca estrea un novo centro de interese centrado nos exvotos.

O exvoto é unha ofrenda que se lle fai a unha divindade para pedirlle a curación dun enfermo ou para agradecer esta, produto dunha promesa feita. Normalmente vai unido a unha crenza nun poder sobrenatural e ao culto a un santo, a un ritual ou a unha romaría. 

Pertence ao ámbito da relixiosidade popular e nos santuarios de Galicia atopamos distintos tipos. De todos é coñecida a figura dos exvotos de cera, tanto candeas como os que representan unha parte do corpo ou ben o corpo enteiro, pero hai outros tipos como a ofrenda en especie (froitos do campo, animais e o seu produto, obxectos variados...), fotografías ou cadros e pinturas murais que normalmente representan a milagre realizada. 

Os primeiros teñen un carácter simbólico, representando partes do corpo afectadas pola enfermidade ou un accidente; o carácter dos últimos é narrativo e son cadros, fotografías e textos. Exemplos destes son as fotografías que acompañan este texto de dúas pezas do museo, dúas pinturas que representan milagres de curación realizados por Santiago cabaleiro.

 

D-824 D-825
D-824 D-825

 

En Galicia atopamos con frecuencia exvotos do mundo mariñeiro dedicados sobre todo á Virxe, en especial a do Carme, seguida doutros santos, como san Clemente, san Bartolomé, santo André ou san Telmo. Estes exvotos son a miúdo en especie (unha parte da pesca), unha parte do barco ou unha reprodución ou maqueta deste, das que atopamos exemplos penduradas das bóvedas e muros dos santuarios. Tamén é moi frecuente a doazón de lámpadas votivas ou outros obxectos destinados ao culto, como as pías de auga bendita. Normalmente son produto dunha situación de perigo ou por simple devoción.

Na biblioteca do Museo temos unha pequena mostra de publicacións que tratan este tema. Se che interesa, podes acercarte á nosa sala de consulta na rúa San Miguel.

Bibliografía en biblioteca.