NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Remate da exposición «Chacona. A canción de Santiago»

A exposición «Chacona. A canción de Santiago» está a piques de pechar as súas portas ao público. Por este motivo, o venres 28 de outubro ás 19:00 h, celebramos un novo encontro co público para despedila.  

Remate de exposición

O 30 de outubro finaliza o período expositivo da mostra «Chacona. A canción de Santiago». Antes da súa clausura, convocamos un novo encontro co público da man de Fernando Reyes, comisario e director de RESONET. Nesta nova reunión, presentarase o audiovisual sobre o concerto que tivo lugar na Catedral de Santiago o pasado 7 de xullo.

Contaremos tamén coa presenza de Mercedes Hernández, soprano, que ofrecerá un pequeno repertorio de chaconas para despedir esta emblemática exposición.

Entrada libre até completar a capacidade do auditorio.

A exposición «Chacona. A canción de Santiago»

«Chacona. A canción de Santiago», proxecto comisariado por Fernando Reyes, é unha exposición de gran relevancia e innovadora pola descuberta histórica que presenta. A través dun discurso expositivo que segue unha liña narrativa desde a orixe da chacona en Compostela e a súa evolución ao longo dos séculos, o visitante poderá gozar dunha gran selección de obras.

O seu contido está formado por máis dun cento de pezas, entre as que figuran obras artísticas orixinais, gravados, fondos documentais, reproducións, instrumentos musicais, libros de música ou partituras, e, fundamentalmente, a música, que nos acompañará durante todo o percorrido.

Cóntase coa colaboración, entre outros, da Colección Abelló, o Museo de Historia de Madrid, o Museo da Catedral de Santiago, o Museo do Pobo Galego e coleccións particulares, como a colección Fernando Reyes ou préstamos, como o de dona Isabel Pastrana.

A presentación de «Chacona. A canción de Santiago» no Museo das Peregrinacións e de Santiago supón un gran fito museolóxico, coa revalorización da música patrimonial como elemento museístico e a volta desta forma musical, ao seu berce, Compostela.

A chacona despídese do #MDPS, pero o descubrimento da súa orixe compostelá queda  impresa na historia xacobea e no repertorio cultural da cidade.

Toda a información sobre a exposición en https://museoperegrinacions.xunta.gal/gl/exposicions/chacona-cancion-de-santiago