Foi discípulo de Francesco Monti, Brescianino e de Ilario Spolverini, traballando no Norte de Italia, sobre todo, en Venecia e Boloña, cidade esta última na que funda escola. As escenas de batallas, xuntamente coas arquitecturas, caracterizan a súa obra, que terá unha gran aceptación mesmo entre a aristocracia británica, que se conta entre os seus clientes. Os soldados, o armamento, os cabalos e, sobre todo, o ambiente de batalla, conforman a maior parte da súa obra. O virtuosismo adquirido neste tipo de representacións fixo que Simonini estivese contratado traballando entre 1714 e 1747 ás ordes de Johann Matthias Graf von der Schulenburg, comandante do exército veneciano. O artista tiña por misión segui-las tropas para pintar e debuxa-los movementos efectuados no combate e nas batallas.