A cidade de Santiago de Compostela
O crecemento experimentado por Compostela a partir do ano 1000 converteuna nunha cidade con gran peso relixioso, político, económico e cultural. A súa condición de sé apostólica, ser unha das arquidioceses máis importantes da península e cabeza dun señorío moi extenso e poboado, contribuíron ao establecemento de institucións relixiosas, políticas, educativas e asistenciais que deixaron a súa pegada no urbanismo.
Desde a Idade Media, Santiago foi a cidade galega máis coñecida internacionalmente e aínda que non foi recoñecida como capital ata o século XX, tivo un papel preeminente, sendo no século XVII, a máis poboada das sete cidades do Antigo Reino de Galicia.
Boa parte da poboación vivía da artesanía, do comercio ou das rendas do capital. O abastecemento de produtos básicos e materias primas procedía, polo xeral, das proximidades, sen renunciar á importación de produtos foráneos (aceites, panos, cerámicas de calidade...). Na Idade Moderna foi un importante centro de comercialización dos seus produtos artesanais e de redistribución de mercadorías procedentes doutras rexións.
Desenvolvemento urbanístico e económico
O territorio
Santiago de Compostela érguese nun territorio situado entre os vales dos ríos Sar e Sarela, no extremo oriental do val da Maía que se abre cara o Atlántico e no espazo, marcado pola gran depresión Meridiana.
A topografía facilitou o paso de importantes vías de comunicación desde época antiga ata a actualidade e condicionou a ocupación do territorio. Tradicionalmente Compostela identifícase co primitivo asentamento romano Asseconia, unha parada oficial (mansio) da Vía XIX que unía Braga con Astorga, aínda que faltan evidencias arqueolóxicas.
No século IX existían importantes camiños cara a Iria Flavia, Ourense, Lugo, A Coruña e Fisterra, persistencia na súa maioría de vías de comunicación de época romana.
A cidade medieval
Tras o descubrimento da tumba do apóstolo Santiago arredor do século IX, organízase nas súas proximidades un asentamento preurbano, o Locus Sancti Iacobi. Este pequeno núcleo estaba conformado pola comunidade eclesiástica de Antealtares e delimitado por unha muralla rudimentaria en época de Afonso II, que será posteriormente erixida como sistema defensivo polo bispo Sisnando II e ampliada polo bispo Cresconio no século XI cun potente sistema defensivo de muralla, torres e foso.
O Locus Sancti Iacobi será o xerme da cidade medieval de Compostela, cuxa poboación e poder irá aumentando. Santiago vaise configurando como unha auténtica cidade medieval, sede dun señorío, posteriormente cidade arcebispal e cunha intensa vida social, coa actividade propia do artesanado e burguesía que contribuirán a consolidar o seu crecemento demográfico.
A evolución histórica desta vila e da vida dos seus habitantes coñecémola cada día un pouco mellor grazas á arqueoloxía urbana. O Museo das Peregrinacións e de Santiago é o centro receptor dos materiais arqueolóxicos recuperados en Compostela, no seu municipio e en todos aqueles puntos de especial interese vinculados ao Camiño en Galicia. Grazas a isto, podemos gozar dun amplo abano de materiais que nos permiten abrir unha fiestra ao pasado e coñecer anacos da vida cotiá das xentes que poboaban estas terras.
Expostos ao longo desta sala observamos unha gran variedade de materiais procedentes de escavacións arqueolóxicas: elementos arquitectónicos que formaban parte de antigas edificacións da cidade, obxectos da vida cotiá como olas, xerras e pratos que compoñían o servizo de cociña e mesa das xentes en época medieval. Aínda que pola súa aparencia modesta poden pasar desapercibidos, dentro destas vitrinas temos un pequeno tesouro arqueolóxico, pezas excepcionais e moi pouco frecuentes. Estamos a falar dun pequeno conxunto de pratos e canecos que, xunto a un xugo, compoñen os poucos exemplares coñecidos ata o momento de manufacturas en madeira, realizadas en época medieval, que grazas ás condicións de alta humidade na que foron atopadas se conservaron ata hoxe en día.
Moitos dos obxectos aquí expostos son os recipientes de uso cotián da xente que poboaba esta cidade en época medieval. Fóra de ambientes de luxo, o que temos diante son as olas que empregaban na cociña para a elaboración de alimentos, xerras de cerámica gris para os líquidos e pratos e fontes de madeira con formas que podemos recoñecer hoxe en día e que nos son moi familiares.
Á parte dos seus recipientes tamén podemos coñecer o que contiñan e cociñaban, é dicir, a súa dieta. O conxunto de restos orgánicos expostos nesta vitrina é unha mínima representación da variedade de produtos consumidos na época medieval en Santiago. Teñen especial representatividade a vaca, a cabra, a ovella, o porco, o xabaril e os cérvidos, aínda que tamén hai abundantes coellos e aves. Aparecen ósos con marcas de corte realizadas no momento do despezamento ou da inxestión. Entre as especies mariñas abundan os moluscos como ostras, ameixas e berberechos; e restos de peixe como a pescada e o congro. Destacan as carabuñas de cereixa aquí expostas, único resto recuperado da alimentación de tipo vexetal na cidade.
O señorío da cidade
O recoñecemento do achado do corpo do Apóstolo polo poder real supuxo a concesión de territorios a favor do bispo, chegando a constituír un amplo señorío coñecido como «Terra de Santiago». O prelado, como señor feudal, exercía sobre os vasalos os seus dereitos militares, fiscais e xudiciais en nome do señor Santiago. Pronto, o rei concederalle o privilexio de cuñar moeda propia.
O castelo da Rocha Forte foi, xunto coa catedral, o principal símbolo do poder terreal do arcebispo. Levantado como residencia arcebispal cara a 1250, e convertido en castelo inexpugnable, controlaba as vías de entrada á cidade desde o mar. A fortaleza, testemuña excepcional de importantes acontecementos históricos entre os composteláns e o poder señorial, foi arrasada definitivamente durante a Gran Revolta Irmandiña (1467-1469).
O rexistro arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte é moi amplo. Hai obxectos de luxo vinculados co status da mitra compostelá como a vaixela de importación. Non é de estrañar tampouco o abundante material numismático recollido, no que destacan as moedas da ceca compostelá, xa que Afonso VI estende no século XII a cuñaxe de moeda desde Toledo ata outras cidades, entre elas, Santiago. Non obstante, tamén son moi frecuentes os restos de cerámica común gris medieval, como a ola exposta, elementos pertencentes á presenza de cabalería con ferraduras e bocados de cabalo e outros obxectos vinculados co día a día do castelo.
Un achado sorprendente é aquel que nos remite ao tempo de ocio dos seus moradores. A aparición dun alquerque de nove tallado en pedra e a existencia tanto de fichas de xogo como de dados, elaborados en cerámica e óso, permítenos coñecer mellor aspectos cotiás da vida das xentes que ocupaban este castelo en época medieval.
Gremios e confrarías
Co crecemento da cidade e do número de peregrinos xurdiron distintos oficios. Os cambiadores lucrábanse coas transaccións de moeda estranxeira mentres que albergueiros, pousadeiros ou taberneiros proporcionaban manutención e aloxamento aos foráneos. Outros labores artesanais foron desenvolvidos por xastres, zapateiros e cintureiros que elaboraban vestimenta, calzado e complementos como cintos, bolsos e escarcelas. As obras na cidade atraeron traballadores como canteiros, albaneis, carpinteiros e ferreiros. Para defender os seus dereitos e organizar os oficios, moitos agrupábanse en gremios e en confrarías con ordenanzas que regulaban o acceso á profesión e a participación na vida urbana. De entre todos eles, os acibecheiros, prateiros e gravadores adquirirán gran prestixio.
Acibecheiros
O acibeche, orixinado pola fosilización de árbores desaparecidas hai 65 millóns de anos, caracterízase pola singular cor negra, a súa dureza e a súa fraxilidade. A materia prima, hoxe escasa, procedía fundamentalmente de Asturias e, desde a antigüidade, atribúenselle virtudes máxicas e curativas.
Os primeiros talleres composteláns asentados na Acibechería, documéntanse no século XIII, vinculados aos concheiros e baixo o control eclesiástico. No século XIV crean un gremio e, no século XVI, uniranse nunha das máis influentes confrarías baixo a protección de san Sebastián. Nas ordenanzas de 1443 regúlase o modo de traballo e a comercialización. Tras un período de decadencia, a produción recupérase no século XX con importantes acibecheiros e unha gran demanda de obxectos suntuosos.
Moitos dos seus traballos podémolos observar coa selección que ofrece o Museo neste espazo. Destaca a sección escultórica, con traballos artesáns que van desde o medievo aos obradoiros máis contemporáneos de Ramón Requeixo, Cástor Lata Montoiro e Manuel Moratalla.
O acibeche sempre foi un material moi valorado, de aí que moitos obxectos vinculados ao poder e con certo prestixio se realizasen con esta materia. Dan boa fe disto os exemplares de colar de nais abadesas aquí expostos, que deixan ben patente a situación destas na xerarquía monacal.
Outro aspecto que non podemos obviar é a vinculación do acibeche co mundo das supersticións e crenzas. Por esta razón é tan habitual atopar entre as manufacturas dos gremios acibecheiros as coñecidas figuras denominadas figas.
Cambistas, curtidores e zapateiros
Co crecemento da cidade e do número de peregrinos desenvolvéronse distintos oficios necesarios para satisfacer as necesidades dos cidadáns de Compostela e dos seus visitantes. Os albergueiros, pousadeiros ou taberneiros proporcionábanlles manutención e aloxamento aos foráneos, mentres que os cambiadores se lucraban coas transaccións de moeda estranxeira. Son numerosas as mostras de numismática documentadas na cidade. Con todo, é o exemplar exposto de florín de ouro de Pedro IV de Aragón, o que mellor documenta esta actividade, xa que este numisma se converteu en moeda de ouro de referencia en Europa durante os séculos XIII e XIV. A aparición destas moedas en Galicia testemuña a procedencia dos peregrinos e o impulso do comercio.
Outros labores artesanais foron desenvolvidos por xastres, zapateiros e cintureiros que elaboraban vestimenta, calzado e complementos como cintos, bolsos e escarcelas. De novo a arqueoloxía urbana de Compostela volve ofrecer excepcionais achados que poderían estar vinculados a estas actividades. Estamos a falar do botín de coiro fechado entre os séculos XII e XIII aparecido nun contexto húmido da rúa da Raíña e os restos de coiro dunha presunta escarcela e a sola dun zapato recuperada no foxo da primeira cerca da cidade, baixo o actual Museo das Peregrinacións e de Santiago.
Prateiros
No século XI documéntanse ourives traballando para a catedral. As primeiras ordenanzas do gremio de prateiros datan de 1431 pero, a confraría, que concedía moitos privilexios ao prateiro, non se crearía ata o século XVI, con san Eloi como patrón. Os talleres situábanse nas proximidades da porta sur da catedral (coñecida hoxe como Praterías), e estaban baixo control eclesiástico. No século XVII comeza un período de esplendor e gran prestixio, que perdura ata a actualidade.
Coñecemos moitos dos artesáns e mestres que traballaron a prata nos obradoiros composteláns grazas ás marcas, pequenas inscricións nas que se indica a autoría do obxecto desde o século XVI. Outra das funcións destes símbolos era a de garantir a calidade da prata. Aínda que cambiarán co paso do tempo, as primeiras identificadas son as que representan o Santiago peregrino, a arca apostólica, a vieira, o cáliz... A finais do XVIII empézase a usar o marcado triplo de prateiro, ensaiador e localidade.
O oficio de prateiro en Compostela tiña unha forte demanda vinculada á esfera eclesiástica. Multiplícanse os obxectos cultuais como cálices, cruces, portapaces... asinados por prateiros composteláns. Unha boa selección desta produción podémola gozar dentro desta vitrina expositiva con exemplares procedentes dos obradoiros da cidade en diversas épocas. Con todo, a partir de século XVI, aparecen obxectos destinados a satisfacer unha demanda civil procedente da universidade compostelá.
Gravadores
A pesar que de que os gremios de acibecheiros e prateiros son os de máis sona na cidade, outros oficios adquiren gran prestixio. Un bo exemplo é o dos gravadores. O gravado en Galicia ten o seu maior florecemento en Santiago no século XVIII e o seu éxito é paralelo ao desenvolvemento da peregrinación. Os temas xacobeos ilustran un gran número de impresos como Compostelas, certificados de peregrinación, sumarios de indulxencias, relacións de reliquias, estampas devocionais, así como libros e folletos. A difusión da devoción ao Apóstolo supuxo un importante incentivo para a produción dos gravadores, pero tamén a universidade e o apoxeo de publicacións ilustradas que potencian en Compostela este oficio.
Algúns gravadores eran prateiros, como os Piedra, ou ben arquitectos e escultores, como Miguel de Romay ou Melchor de Prado, o que proporcionaba diversidade e perfección no deseño de motivos ornamentais. Cara a 1730 aparece o «gravado en testa» ou «buxo de pé», atribuído ao compostelán Jacobo de la Piedra, que supuxo un grande avance xa que proporcionaba maior duración das pranchas, máis nitidez nas estampas e realizar un maior número de copias. A peza aquí exposta «orla ornamental» é un dos primeiros exemplares que emprega esta innovadora técnica.
Exemplos da variada produción deste gremio compostelán penden das paredes do Museo, así como unha pequena mostra das ferramentas empregadas polos seus artesáns: limas, burís, pranchas e clixés de imprenta.
O establecemento de redes comerciais
Boa parte da riqueza que se xerou na cidade durante a Idade Media e Moderna foi produto da actividade comercial da burguesía compostelá. Vendíanse obxectos artesanais e redistribuíanse, pola súa vez, mercadorías procedentes de fóra da bisbarra. A cidade foi tamén centro de consumo de produtos de calidade procedentes doutros puntos da Península Ibérica ou do resto do continente europeo que chegaban por vías terrestres ou marítimas e que, desde os núcleos portuarios, se redistribuían aos principais centros urbanos, como será o caso de Santiago de Compostela, para satisfacer as demandas de importacións das clases máis podentes.
De novo a arqueoloxía urbana en Compostela documenta numerosos materiais que só teñen a súa explicación derivados dunha forte rede comercial pola que chegaban á cidade produtos de diversas procedencias, tanto peninsulares como europeas. Documéntase a entrada de moeda estranxeira na cidade, así como de abundantes produtos cerámicos procedentes de alfares peninsulares. De Sevilla procede o fabuloso conxunto de vaixela recuperado no barco afundido nas proximidades da Illa da Rúa (Ribeira, A Coruña), pero tamén son numerosos os fragmentos de vaixelas recuperados nas escavacións urbanas da cidade procedentes das olerías levantinas de Manises ou de Talavera de la Reina, con exemplares expostos baixo esta vitrina.
O comercio de máis longa distancia documéntase tamén con exemplares cerámicos procedentes de Portugal, como o prato exposto, de Italia, co pequeno fragmento de cerámica de tipo Montelupo, ou do norte de Europa. evidenciado co precioso fragmento de xerra de tipo Westfalia elaborado en gres alemán. Mesmo hai evidencias de afastadas factorías chinesas, cos fragmentos de teteira de porcelana expostos nesta mesma vitrina.