A peregrinación como fenómeno universal
O Museo das Peregrinacións e de Santiago (MDPS) ten entre os seus eixes temáticos o estudo da peregrinación como fenómeno universal. Por un momento, afastámonos dos Camiños a Santiago e neste primeiro espazo temos ante nós obxectos que nos transportan a realidades culturais ben distintas da perspectiva occidental, pero que no fondo nos están a falar do mesmo proceso espiritual: a peregrinación.
Peregrino, camiño e santuario son elementos imprescindibles na peregrinación. Esta manifestación distínguese de calquera outra viaxe porque determina unha relación especial entre o terreal e o sacro; entre o individuo e a colectividade e supón a transformación do peregrino ao longo do percorrido.
A peregrinación cristiá
Os lugares relacionados coa vida de Cristo, dos discípulos e dos primeiros mártires, pronto se converteron en centros de devoción e meta de peregrinación a imitación do que facían os xudeus. A liberdade de culto e a imposición do cristianismo como relixión oficial do Imperio Romano ao longo do século IV favoreceron a expansión e multiplicación destes lugares. As tumbas de apóstolos e mártires ou as súas reliquias darán lugar a importantes centros de peregrinación na Idade Media.
Un exemplo disto sería a lenda vinculada a santa Catarina de Alexandría plasmada no altorrelevo exposto no Museo. Trátase dunha escena que alude ao feito recollido na Lenda Dourada, e noutros antigos relatos, que falan da translación polos anxos do corpo de santa Catarina ata o monte Sinaí, onde sería atopado cara ao ano 800 nunha cova da propia montaña, que se converte, dende ese momento, nunha importante parada na peregrinación a Xerusalén.
A orixe: a peregrinación xudía
Os xudeus peregrinaban a Xerusalén nas principais festas: Pascua (Pésaj), Semanas (Shavout) e Tabernáculos (Sacut). A destrución do templo (70 d.C.) marca un cambio na peregrinación que recupera a nostalxia polo pasado e alenta a esperanza cara ao que está por vir. A obriga de peregrinar do xudaísmo será unha práctica recomendable para os cristiáns.
O cristianismo afunde as súas raíces no xudaísmo. O sacrificio, a renuncia, a mortificación ou a penitencia formarán parte da idea xudeocristiá da peregrinación en contraposición con certas visións máis festivas que se documentan noutras culturas. A viaxe dos Reis Magos, a Fuxida a Exipto, o Camiño de Emaús ou a dispersión dos apóstolos, considéranse como peregrinacións simbólicas que marcan o comezo da era cristiá. Algúns destes pasaxes pódemos atopar representados neste espazo expositivo.
A fuxida a Exipto é considerada a primeira peregrinación do mundo cristián. Este episodio podémolo ver narrado en varios soportes no Museo. O primeiro deles, na pintura barroca de Francisco Antolínez y Sarabia, na que, sobre un fondo paisaxístico represéntase nun primeiro plano a Sagrada Familia nun momento da súa fuxida. Outro soporte ben distinto, pero coa mesma temática, será a escultura de prata hispanoamericana na que se representa a Sagrada Familia no momento da marcha.
O Camiño de Emaús alude á viaxe que realizou Xesús despois da súa resurrección dende Xerusalén a Emaús. Curiosamente, na pintura exposta nesta sala do Museo, Xesús, como camiñante, porta indumentaria de peregrino xacobeo e mesmo loce as insignias máis representativas destes.
As tres grandes peregrinacións cristiás
As tres grandes peregrinacións cristiás: Xesusalén, Roma e Santiago, están representadas en diversas obras das que podemos gozar nesta área do Museo. Xerusalén é un lugar sacro para as tres grandes relixións monoteístas. Para os cristiáns é o centro dun amplo territorio (Terra Santa) con moitos lugares de interese relacionados co seu fundador e a orixe do cristianismo. A partir do século IV son moitos os «palmeiros» que peregrinan a estes lugares.
Roma, coas tumbas de Pedro e Paulo, será pronto un gran reclamo para os peregrinos. «A vista de Roma» de Giuseppe Vasi, representa a vista xeral da cidade de Roma dende o outeiro Gianicolo no século XVIII. Ao longo da parte inferior, unha banda de cor beixe recolle numerados os 390 lugares interesantes que aparecen na vista.
Santiago de Compostela será centro de peregrinación tras o descubrimento do corpo de Santiago o Maior no século IX. As grandes dificultades imperantes segundo avanza a Idade Media para peregrinar a Terra Santa a causa da expansión do islam ten como consecuencia que Roma e Santiago se convertan nos principais lugares de peregrinación cristiá, ata o punto de que os emblemas de ambas as dúas, a cuncha e as chaves de san Pedro, se empregan en moitas ocasións conxuntamente. Bo exemplo desta dualidade é o cadro exposto denominado «Mozo peregrino», de autoría anónima, aínda que se vincula con obradoiros italianos. Destaca a representación na súa vestimenta dos emblemas da peregrinación a Santiago e a Roma conxuntamente.