NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

A cidade de Santiago de Compostela

O crecemento experimentado por Compostela a partir do ano 1000 converteuna nunha cidade con gran peso relixioso, político, económico e cultural. A súa condición de sé apostólica, ser unha das arquidioceses máis importantes da península e cabeza dun señorío moi extenso e poboado, contribuíron ao establecemento de institucións relixiosas, políticas, educativas e asistenciais que deixaron a súa pegada no urbanismo.

Desde a Idade Media, Santiago foi a cidade galega máis coñecida internacionalmente e aínda que non foi recoñecida como capital ata o século XX, tivo un papel preeminente, sendo no século XVII, a máis poboada das sete cidades do Antigo Reino de Galicia.

Boa parte da poboación vivía da artesanía, do comercio ou das rendas do capital. O abastecemento de produtos básicos e materias primas procedía, polo xeral, das proximidades, sen renunciar á importación de produtos foráneos (aceites, panos, cerámicas de calidade...). Na Idade Moderna foi un importante centro de comercialización dos seus produtos artesanais e de redistribución de mercadorías procedentes doutras rexións.

Un lugar para o culto. A evolución do santuario

A orixe de Santiago de Compostela está unida a un lugar de culto precristián. Os restos identificados como a tumba do apóstolo Santiago suxiren que se trata dun mausoleo, erixido en época alto imperial romana (séculos I-II d. C.) nunha necrópole da que se coñecen, entre outros restos, varias inscricións funerarias. A atribución da condición de tumba apostólica supoñería o inicio, ou talvez a continuación, de profundas transformacións da súa estrutura e da súa contorna, xurdindo un pequeno núcleo rural coñecido como Locus Sancti Iacobi. Un primitivo templo, pronto substituído por outro maior, xunto con outras construcións relixiosas e defensivas, deron, arredor do século X, unha dimensión urbana a este recinto.

A partir do século XI, co auxe das peregrinacións e co apoio da monarquía e do papado, a Igrexa compostelá levaría a cabo un gran proxecto para contar cun santuario acorde coa súa categoría de sé apostólica. O templo románico pasou así a converterse en sé da diócese e transformouse en catedral da «Santa Apostólica e Metropolitana Igrexa de Santiago».

O mausoleo apostólico como xerador da urbe

Os restos conservados do sepulcro foron obxecto de moitas interpretacións. Trataríase dunha construción de planta cadrada posiblemente con dobre altura. A inferior estaba dividida en dúas estancias: unha con restos dun mosaico tardo romano e outra con tumbas de ladrillos en altura. A tradición sitúa na primeira estancia os restos de Santiago e na segunda os dos seus discípulos, Atanasio e Teodoro. Tradicionalmente considerouse que na planta superior atopábase o primitivo altar para o culto ao Apóstolo. Esta parte alta foi eliminada na remodelación románica da basílica. Independentemente do seu formato, a edícula sería o enterramento máis distinguido na necrópole romana. Documentáronse enterramentos cristiáns do século V, aínda que parece que no século VII se abandonou o lugar.

As basílicas de Afonso II e Afonso III

Cara ao ano 830 Afonso II levantou sobre o sepulcro do Apóstolo un modesto templo do que hai moi pouca información. Tería nave rectangular simple e dispoñería dun baptisterio exento polo norte. Cando Afonso III substituíu esta construción por outra nova xustificouno dicindo que era pequena e de pouca calidade. A nova basílica foi consagrada no ano 899 e levantada ao estilo propio das construcións prerrománicas asturianas. Tiña maiores dimensións, dispoñía dunha cabeceira ampla para albergar varios altares e o sepulcro, tres naves e un pórtico na entrada principal de poñente. Na súa decoración incluíronse elementos tardo romanos e visigodos procedentes de Al-Ándalus. Tras ser arrasada por Almanzor no ano 977 esta basílica foi reconstruída polo bispo Pedro de Mezonzo.

A basílica románica

En 1075 comezaron as obras da cabeceira románica seguindo o modelo de «igrexa de peregrinación» que permite compaxinar a celebración do culto sobre o sepulcro e o fluír de peregrinos ocupados noutros rituais. Esta primeira fase concluíu cara a 1088.
Durante o mandato de Diego Xelmírez (1093-1140) desenvolveuse a segunda etapa das obras: concluíuse a cabeceira, organizouse a capela maior e o cruceiro coas súas fachadas, e avanzouse no brazo maior.
A última fase románica coincidiu coa incorporación do Mestre Mateo en 1168 cando se construíron os tramos finais, o Pórtico da Gloria e se solucionou o problema do desnivel da fachada oeste.
En 1211 conságrase a catedral románica.

O proxecto gótico

O arcebispo Xoán Arias (1238-1266) promoveu importantes obras na catedral e dotouna dun claustro acorde co resto do templo e co refinado cerimonial empregado nas celebracións litúrxicas do momento. Contou cun programa decorativo complexo con motivos tomados do Mestre Mateo.
Pola súa banda, o proxecto inacabado da cabeceira gótica supoñía dotar á basílica dun amplo espazo cerimonial cara ao lado leste, pero diversos problemas sociais impediron proseguir as obras executándose parcialmente o lado norte, hoxe baixo as escaleiras da praza da Quintana.
Entre finais do século XIV e XV construiríase o actual ciborio e os fundamentos da torre do reloxo, e reforzaríase o aspecto defensivo do conxunto catedralicio.

A catedral renacentista e barroca

A construción do actual claustro renacentista, en substitución do medieval, foi a intervención de maior envergadura do século XVI. Obra de Juan de Álava e Rodrigo Gil de Hontañón, supoñería unha gran modificación do contorno meridional da catedral.
No século XVII iniciouse a transformación exterior da basílica ofrecendo o aspecto eminentemente barroco que apreciamos na actualiade. Nela interviñeron arquitectos e mestres de obras como Vega y Verdugo, Juan Peña de Toro, Domingo de Andrade, Fernando de Casas y Novoa, Lucas Ferro Caaveiro, Clemente Fernández Sarela, Domingo Luis Monteagudo, Ventura Rodríguez e outros.
Interiormente acometéronse tamén importantes obras con novas capelas (Cristo de Burgos, Pilar...) e remodeláronse outros espazos como a capela Maior co seu baldaquino, etc.