A peregrinación e o camiño de Santiago
Os obxectos e rituais relacionados cos peregrinos xacobeos, a vinculación que a música, a literatura e a arte tivo co Camiño de Santiago, a diversidade iconográfica do Apóstolo, así como a amplísima dispersión internacional do culto a Santiago, son os protagonistas nesta planta.
Historia. Santiago como discípulo de Xesús
Os evanxeos canónicos e os Feitos dos Apóstolos proporcionan os escasos datos históricos referidos a Santiago o Maior. Era fillo de Zebedeo e de María Salomé e irmán do apóstolo e evanxelista Xoán. Ambos os dous foron chamados por Xesús mentres pescaban no Mar de Galilea e recibiron do Mestre o sobrenome de Boanerxes (fillos do trono) polo seu carácter impulsivo.
Santiago formaba parte, con Xoán e con Pedro, do grupo dos apóstolos máis próximos a Xesús e sería testemuña privilexiada dos acontecementos máis relevantes da súa vida: resurrección da filla de Xairo, Transfiguración no Monte Tabor, oración no Horto das Oliveiras, etc.
Neste espazo son varias as figuras referidas á filiación familiar de Santiago, vinculada directamente á do propio Xesús. A iconografía da santa parentela, na que aparece santa Ana como nai da Virxe e iniciadora da xenealoxía feminina de Cristo, está vinculada xenealóxicamente coa de Santiago, pois é o seu curmán. Unha representación máis ampla da Sagrada Familia por filiación materna podémola ver na denominada «Santa Parentela»: presenta unha estudada composición que pretende diferenciar a importancia dos distintos membros que compoñen a familia da Virxe e, polo tanto, a ascendencia de Cristo. Nun primeiro plano, á esquerda, aparece sentada María Salomé co seu fillo, Santiago o Maior.
No altorrelevo en madeira denominado tamén «Santa Parentela» represéntase a Santiago cos seus pais, Zebedeo e María Salomé, acompañados por Xoán (o Evanxelista e apóstolo), seu irmán, apoiado nas pernas da súa nai. Santiago neno, que leva como atributos o bordón e o sombreiro colgado das costas, vai guiado polo seu pai que o leva collido da man.