Santiago. Historia, tradición e lenda
O descubrimento e identificación dun sepulcro, cuxos restos se atribuíron a Santiago o Maior nos territorios máis occidentais de Europa durante a década do oitocentos vinte, marcan a orixe do culto ao Apóstolo e o nacemento da peregrinación xacobea. As referencias históricas sobre tales acontecementos e a vida de Santiago estiveron sempre envoltas dunha mestura de tradición e lenda. Aínda que a tradición do enterramento do Apóstolo na Gallaecia é anterior ao seu descubrimento por Teodomiro, bispo de Iria, os documentos que relatan tal achado e o traslado do corpo desde Xerusalén son posteriores e non están exentos de certa intencionalidade. A partir do século VI esténdese a crenza de que os apóstolos estaban enterrados alí onde predicaran e a tradición occidental atribúe a Santiago a evanxelización de Hispania. Iso xustifica que antes do descubrimento (inventio) circulasen escritos que recollesen antigas tradicións transmitidas posiblemente pola Igrexa visigoda e sinalasen Finis Terrae como o lugar de enterramento de Santiago.
Descubrimento e identificación do corpo apostólico
As reliquias dos mártires eran os obxectos máis sacros para os cristiáns. Por iso, o descubrimento do corpo enteiro pertencente a un dos discípulos máis próximos a Xesús e primeiro apóstolo en sufrir un martirio, era para as comunidades de crentes do século IX un feito de extraordinaria repercusión. O descubrimento afectaríalles tamén aos poderes político e relixioso. Para a monarquía ástur, con Afonso II á fronte, supuxo un aliciente no seu desexo de consolidarse entre os outros reinos peninsulares, neutralizou intentos separatistas galaicos e atopou en Santiago un aliado na súa actividade guerreira contra o Islam. Pola súa banda, a igrexa de Iria Flavia, a máis occidental e afastada, tivo, con Teodomiro como bispo, a oportunidade de reclamar para a súa diocese unha orixe apostólica e equipararse aos máis importantes centros da cristiandade. A aparición do corpo do Apóstolo está dentro da tradición medieval de achados milagrosos de reliquias en lugares onde non había referencia da súa existencia. En moitos casos darán lugar ao nacemento de santuarios que se converterán en lugares de peregrinación.
A INVENTIO. APARECE UNHA NOVA RELIQUIA
Dende o seu enterramento no Libredón transcorre o tempo ata que chegamos ao século IX, momento no que ten lugar o seguinte episodio da nosa lenda, coñecida como a inventio. Nesta terra do Libredón, unha noite o monxe Pelaio, que vivía nas proximidades de Solovio, ve luces nun campo veciño e, tras contarllo ao seu confesor, informan o bispo de Iria Flavia, Teodomiro. Descobren un mausoleo de época romana onde habería tres corpos, que vencellan cos restos do Apóstolo e os seus discípulos Teodoro e Atanasio. Podemos observar nesta sala unha maqueta interpretativa do que sería este mausoleo romano onde apareceron os tres corpos.
Así comeza a historia da cidade de Compostela e o Camiño de Santiago. Debemos entender este feito no seu contexto histórico, estamos no século IX, momento da reconquista, e o achado dos restos do Apóstolo supoñen un reforzo moral moi forte para o exército cristián.
Con respecto ás fontes bibliográficas deste episodio, antes do descubrimento do sepulcro de Santiago circulaban abundantes referencias sobre a súa localización e o seu culto. O «Breviario dos Apóstolos» citaba, a finais do século VI, a predicación en Hispania e situaba a súa tumba en A(r)ca Marmarica. Algo similar indicaba, cara ao 650, un texto interpolado de san Isidoro en «De ortu et obitu patrum». Beda o Venerable recollía cara ao 730 no seu «Martyrologium» referencias sobre o traslado e enterramento «...contra mare Britanicum...» (océano Atlántico).
Ao longo do noso percorrido ascendendo cara á maqueta do mausoleo, poderemos observar unha copia impresa na cidade de Colonia no ano 1688 da obra de Beda o Venerable, «Opera Theologica, Moralia, Historica, Philosophica, Mathematica & Rhetorica...» Nos seus escritos, Beda defende a evanxelización de Hispania por Santiago o Maior, pero o máis significativo é o do enterramento que o recolle en dúas ocasións. Unha na homilía XCII sobre Xoán, que admite que o corpo do seu irmán repousa en Hispania e a seguinte referencia atópase na martiroloxía co que parece admitir un segundo traslado.
TEODOMIRO DE IRIA E AFONSO II
As narracións sobre o descubrimento do sepulcro de Santiago sitúan o achado no reinado de Afonso II (791-842) e o pontificado de Teodomiro, bispo de Iria (819-847). Tamén se relaciona con Carlomagno, emperador de Occidente (800-814) e sinálase o ano 813 como data do achado. Con esta suposición pretendíase dar un recoñecemento internacional ao sepulcro e ao Camiño de Santiago, aínda que historicamente non parece aceptable.
UN MAUSOLEO ROMANO. PARA QUEN?
O sepulcro identificado como a tumba de Santiago é un enterramento monumental (mausoleo) dos séculos I e II d. C. A súa configuración orixinal foi transformada en diversas ocasións, de modo que é difícil presentar actualmente unha reconstrución verosímil.
Este tipo de enterramento transforma a simple tumba nun santuario para honrar a memoria do defunto. Este mausoleo, que evidencia tamén a existencia dun núcleo urbano próximo e dalgún personaxe relevante podería asemellarse ao de Fabara (Zaragoza), do século II. A tradición sostén a cristianización do monumento para acoller os corpos de Santiago e dos seus discípulos Atanasio e Teodoro. Outras hipóteses considérano a tumba de Prisciliano, bispo herexe executado en Trier (Alemaña) no século IV.