A peregrinación como fenómeno universal
O Museo das Peregrinacións e de Santiago (MDPS) ten entre os seus eixes temáticos o estudo da peregrinación como fenómeno universal. Por un momento, afastámonos dos Camiños a Santiago e neste primeiro espazo temos ante nós obxectos que nos transportan a realidades culturais ben distintas da perspectiva occidental, pero que no fondo nos están a falar do mesmo proceso espiritual: a peregrinación.
Peregrino, camiño e santuario son elementos imprescindibles na peregrinación. Esta manifestación distínguese de calquera outra viaxe porque determina unha relación especial entre o terreal e o sacro; entre o individuo e a colectividade e supón a transformación do peregrino ao longo do percorrido.
A peregrinación como alegoría
O termo «peregrinación» emprégase tamén de forma simbólica para expresar a similitude entre a viaxe a un lugar sacro e a vida humana. O esforzo físico do camiño para alcanzar a meta é interpretado como metáfora da viaxe espiritual do ser humano, cheo de sacrificios, renuncias e desgustos. O fin é alcanzar o máis alto grao de coñecemento, a renovación espiritual, a gloria, o paraíso ou a salvación eterna, dependendo da crenza da que se trate.
Este concepto alegórico da peregrinación, e do camiño, está presente na maioría das crenzas. Un exemplo é o mandala exposto. Os mándalas (ou mandalas) son representacións figuradas, espirituais e rituais do macrocosmos e do microcosmos, empregadas no budismo e no hinduísmo. A súa funcionalidade simbólica é a meditación, seguindo un proceso mental de viaxe interior e desprazamento dos pensamentos.
Outro punto de vista á alegoría da peregrinación ofrécea a arte contemporánea da man da artista norueguesa, Borgny Svalastog: vemos expostos uns pés de cristal de cores, estes simbolizan a diversidade de razas e culturas; de cristal, porque o pé é a parte máis importante da peregrinación e, pola súa vez, a máis fráxil.
Outras obras de incalculable valor histórico complementan este espazo como a «Táboa de Cebes», a obra de Erasmo de Rotterdam «Paraphrasis in Novum Testamentum» ou a litografía que representa un xogo da oca baseado en orixinais do s. XVIII.