NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

A peregrinación e o camiño de Santiago

Os obxectos e rituais relacionados cos peregrinos xacobeos, a vinculación que a música, a literatura e a arte tivo co Camiño de Santiago, a diversidade iconográfica do Apóstolo, así como a amplísima dispersión internacional do culto a Santiago, son os protagonistas nesta planta.

Os camiños de Santiago

Adóitase empregar a denominación 'Camiños de Santiago' para indicar a rede de itinerarios que se foron formando co fin de peregrinar á tumba do Apóstolo, tanto por terra como por mar, desde diversos lugares de Europa.  Así distinguímolos e indivualizámolos do Camiño Fracés, o Camiño por antonomasia.

O desprazamento da fronteira co islam cara o sur no século XI proporcionou seguridade aos territorios do norte peninsular. Favoreceu a consolidación da ruta xacobea que nace pola necesidade de integración espiritual e política dos territorios hispanos con Europa. O Camiño Francés gozará do apoio das institucións eclesiásticas, monárquicas e da nobreza e contará cunha primacía sobre as demais rutas xacobeas, xurdidas mesmo antes ca ela.

Os mecanismos legais de protección do patrimonio cultural impoñen trazados e delimitacións rigorosas para evitar a inseguridade xurídica, aínda que non sempre se respectan os criterios históricos. Os principais trazados do Camiño de Santiago recibiron o recoñecemento en 1998 de Primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa e están incluídos na lista de Patrimonio da Humanidade.

O nacemento do Camiño de Santiago

Ábrese para o visitante do museo un interesante espazo expositivo onde se analiza a orixe do Camiño de Santiago. Aquí poderá gozar de diferentes obras que nos falan, dende a arqueoloxía e a historia da arte, da evolución histórica do Camiño.

O Camiño de Santiago é entendido como unha metáfora da senda marcada no firmamento pola Vía Láctea que se dirixe cara o Finis Terrae. Sería a plasmación terreal da ruta celeste. A historia do Camiño de Santiago está chea de lendas e relatos que forman parte da nosa historia oral e tradicional. Antigas tradicións ven en Carlomagno o verdadeiro artífice do Camiño. A lenda narra que Santiago aparéceselle nun soño ao monarca e pídelle que libere os territorios ocupados polos sarracenos e abra un camiño cara á súa tumba. Aínda que historicamente este relato non sería aceptable.

Un enclave arqueolóxico fundamental para a historia da peregrinación, e o Camiño de Santiago, é a ermida de San Guillerme (Fisterra). Este enclave está directamente vinculado co Camiño de Santiago. As primeiras referencias falan dunha peregrinación de tipo penitencial no século XIII, que alcanzou maior auxe cara a finais da Idade Media ata o século XVII, motivado polo descenso da conflitividade e inestabilidade no mar. Neste espazo do museo podemos atopar una selección destacada dos materiais recuperados nas intervencións arqueolóxicas na ermida entre 2007 e o 2008: unha doa Santiago peregrino en acibeche, unha cruz de bronce e unha vaíña.

O Camiño foi dende os seus inicios ata hoxe en día fonte de inspiración para numerosos artistas. Dende os artesáns dos obradoiros medievais, pintores, escultores ata os recentes fotógrafos e fotógrafas que percorren esta vía das estrelas capturando instantáneas cheas de historia, tradición e arte. As fotografías que podemos ver expostas neste recuncho pertencen a exposicións temporais do museo vinculadas estreitamente co Camiño.

As rutas na Península Ibérica

Á cidade chegan sete camiños: Francés, Primitivo, do Norte, Inglés, Portugués, Fisterra-Muxía e Vía da Prata. Existe tamén unha ruta denominada do Mar de Arousa e Ulla en recordo da lenda da Translatio. A maioría prolóngase fóra de Galicia e ramifícanse en Europa como describe a 'Guía do Peregrino' do século XII.

Testemuña da crecente produción artística e cultural que supón o Camiño de Santiago na Península Ibérica son as pezas expostas neste recuncho do museo. Recóllese, de forma sintética, a influencia que exerce a simboloxía xacobea e o culto a Santiago nos talleres artesáns e na mentalidade artística ao longo da historia, que dará lugar á creación dunha  profusa produción de imaxinería xacobea.

Itinerarios europeos

O «Códice Calixtino» (século XII) describe as catro principais vías europeas: a Tolosa, desde Arlés por Toulouse; Podiense, desde Le-Puy-en-Velay; Lemovicense, desde Vézelay por Limoxes; e a Turonense, desde París por Tours. Estas uniríanse, ao pasar os Pireneos, co tramo aragonés ou navarro do Camiño Francés.

Avanzada a Idade Media formaranse dous grandes eixes: o denominado Niederstrasse (camiño baixo), que uniría Aquisgrán con Bruxelas e París para proseguir cara aos Pireneos; e un segundo, Oberestrasse (camiño alto), que polo sur de Alemaña, Suíza e o sur de Francia se dirixirá aos Pireneos. As rutas marítimas foron importantes, posto que moitos peregrinos da Europa nórdica, Países Baixos e illas Británicas facían total ou parcialmente a viaxe a Galicia en barco.

A peculiar identificación de Santiago cos peregrinos faise patente ao longo de todas as rutas europeas. As igrexas dedicadas ao Apóstolo son innumerables por todo o continente e, a través das esculturas que albergan, pódese seguir a indumentaria característica dos peregrinos de cada época, estación e rexión. Nesta sala do museo podemos gozar dalgunhas das obras que simbolizan o esplendor artístico xacobeo que deixa a súa pegada nas diferentes escolas artísticas europeas.

Urbanismo e infraestruturas

No século XI póñense os cimentos dos itinerarios da peregrinación xacobea. O Camiño de Santiago é un atractivo para que se asenten artesáns e comerciantes procedentes dos máis variados recunchos de Europa, coñecidos xenericamente como francos. Nacen asentamentos de nova planta ou barrios de poboacións xa existentes, que son sinónimo de liberdade e progreso. O Camiño condiciona a organización do territorio e serve a miúdo de eixe para a distribución das edificacións.

As monarquías cristiás, a Igrexa e as ordes militares apoiarán a creación de múltiples infraestruturas (calzadas, pontes, hospitais, centros de acollida, catedrais, igrexas, capelas, mouteiras, milladoiros...), en puntos estratéxicos do Camiño que verá xurdir o románico como primeiro estilo artístico puramente europeo.

Estas infraestruturas darán lugar á creación de edificios singulares e a unha serie de documentación derivada da súa administración, hoxe en día de gran valor histórico. Dan fe diso os dous documentos escritos que podemos ver expostos nesta área temática, ambos os dous indulxencias, pero de diversa cronoloxía e procedencia.

Gregorio XIII concédelles indulxencia plenaria in articulo mortis aos enfermos, peregrinos e membros do Hospital do Rei de Burgos. Este hospital foi o máis grande da ruta xacobea. Os peregrinos podían permanecer nel ata tres días. Dispoñía de dúas enfermerías e dúas hospedaxes, para homes e mulleres, e nesta época contaba con confesores en todas as linguas. No caso do Sumario de Gracias compostelán, a súa elaboración é de cronoloxía máis tardía, pero á súa finalidade é moi similar.

Noutros casos, quedan como testemuña destas actividades obxectos peculiares, como pode ser a grande aldraba que vemos exposta. Pertenceu á porta do hospital de peregrinos de Melide (A Coruña), onde confluía o Camiño Primitivo co Francés. A institución fundouse na segunda metade do século XIV e foi remodelado polo conde de Monterrei a principios do XVI. Moitos peregrinos foron atendidos neste lugar estratéxico do Camiño cara Santiago de Compostela.