A peregrinación e o camiño de Santiago
Os obxectos e rituais relacionados cos peregrinos xacobeos, a vinculación que a música, a literatura e a arte tivo co Camiño de Santiago, a diversidade iconográfica do Apóstolo, así como a amplísima dispersión internacional do culto a Santiago, son os protagonistas nesta planta.
Iconografía xacobea. A representación do Apóstolo
A representación do apóstolo Santiago o Maior foi unha das máis diversas da iconografía cristiá. A expansión do seu culto por Europa e, desde o século XVI por América, propiciou que a súa imaxe se adaptase ás diferentes necesidades devocionais e políticas do momento, combinando aspectos da súa condición de apóstolo, de peregrino ou de cabaleiro.
Nas imaxes máis antigas aparece cos atributos comúns aos demais apóstolos: túnica e manto, libro sacro e pés descalzos ou con sandalias. Con frecuencia un filacterio ou rótulo recolle o seu nome ou unha frase alusiva á súa persoa.
Santiago ofrece, a partir do século XII, aspecto de peregrino, tanto por ser enviado por Xesús e emprender unha longa viaxe para evanxelizar Hispania, como pola súa identificación cos peregrinos que camiñan cara á súa tumba. Represéntase con bordón (bastón), escarcela (zurrón), cabaza, chapeu, esclavina e vieiras, acompañadas ás veces de bordonciños, que adornan a súa vestimenta.
O terceiro modelo iconográfico é o de cabaleiro. A imaxe de Santiago, como soldado (miles Christi) sobre un cabalo apoiando ás tropas cristiás, documéntase por primeira vez a mediados do século XII. A tradición relaciónao con acontecementos anteriores (batalla de Clavijo no 844, conquista de Coimbra en 1064 e outros). Represéntase sobre un cabalo branco, con espada, escudo e/ou estandarte, con «infieis» aos seus pés ou dirixindo as tropas cristiás.
Santiago apóstolo e mártir
A representación do apóstolo Santiago o Maior foi unha das máis diversas da iconografía cristiá. A expansión do seu culto por Europa e, desde o século XVI, por América propiciou que a súa imaxe se adaptase ás diferentes necesidades devocionais e políticas do momento.
O século XII é o momento adecuado para elaborar e difundir unha imaxe nova do Apóstolo. É unha etapa florecente de obras na basílica, a peregrinación está moi estendida e a Igrexa compostelá conta co apoio do papado. A imaxe promovida é a que mostra a súa condición de apóstolo de Cristo, túnica e manto, libro sacro e pés descalzos ou con sandalias. Con frecuencia un filacterio ou rótulo recolle o seu nome ou unha frase alusiva á súa persoa. Así aparece en representacións medievais, entre o século XII e XIII, como na fachada de Praterías o «Santiago entre cipreses», no «Liber Sancti Iacobi» bendicindo, ou nas esculturas sedentes do parteluz do Pórtico da Gloria e da capela maior, moi transformada esta última con inclusión de elementos de peregrino.
Esta iconografía, máis tradicional, do apóstolo Santiago podémola observar nos tondos expostos en mesa, un do século XVIII en madeira tallada e o outro, un debuxo de finais do século XVIII. Ambos co seu filacterio e representando a Santiago o Maior sedente seguindo o modelo da escultura da capela maior da catedral de Santiago de Compostela. Esta mesma representación de Santiago Magister aparece noutros soportes máis excepcionais, como a casula do século XVI, exposta en vitrina vertical, ou a pequena escultura de acibeche, na que se representa o Apóstolo en posición sedente cun bastón en forma de tau, seguindo a tipoloxía do Pórtico da Gloria.
Santiago o Maior é un dos predilectos de Cristo e, como tal, acompañouno, xunto con Pedro e Xoán, en diversos episodios transcendentais da súa vida. Estes acontecementos teñen a súa plasmación artística en obras como o conxunto escultórico da oración no horto das Oliveiras, obra dun obradoiro castelán entre século XVI e o XVII, e o relevo tallado en madeira, fechado entre 1490-1505, onde se representa a escena de «Santiago entre cipreses».
Santiago peregrino
Produto do culto popular e relacionado co Camiño de Santiago nacería, no século XII, a figura de Santiago con atributos de peregrino. É unha maneira de resaltar a condición máis humana do Apóstolo.
Represéntase con bordón e escarcela, ambos os dous con gran valor simbólico. A cabaza para líquidos, o chapeu para o sol e a choiva, e a esclavina como complemento da capa ou do manto constitúen o resto dos elementos da indumentaria. Pero será a vieira, sobre a esclavina, na escarcela ou calquera outro elemento, a que lle outorgue a identificación como peregrino xacobeo. A miúdo persisten atributos da súa condición de apóstolo. A túnica, o manto, o libro ou os pés descalzos adoitan combinarse cos atributos propios do peregrino.
A iconografía de representación de Santiago peregrino comparte os mesmos símbolos identificativos desde os Países Baixos, Alemaña, Francia ou as escolas españolas, variando, iso si, o estilo de representación adaptándose ás modas do tempo e do lugar de fabricación. Exemplo disto é a variada colección que o visitante pode gozar neste espazo destinado a albergar as diversas imaxes e representación de Santiago peregrino.
Santiago cabaleiro
Desde o século X, os monarcas cristiáns fomentan, con carácter político, o padroado de Santiago sobre os reinos hispánicos. A primeira mención explícita a Santiago como cabaleiro intercedendo polas tropas cristiás fronte aos musulmáns, aparece en textos da primeira metade do século XII aínda que se refiren a acontecementos anteriores como a Batalla de Clavijo (844) que serviu para xustificar o Voto de Santiago.
Represéntase como xinete, xeralmente con vestimenta militar, sobre un cabalo branco (símbolo de pureza), loitando por liberar a cristiandade do mal. Matamouros, mataturcos, mataindios ou mataespañois son algunhas das súas versións, todas representadas na selección exposta neste espazo museistico.