A peregrinación e o camiño de Santiago
Os obxectos e rituais relacionados cos peregrinos xacobeos, a vinculación que a música, a literatura e a arte tivo co Camiño de Santiago, a diversidade iconográfica do Apóstolo, así como a amplísima dispersión internacional do culto a Santiago, son os protagonistas nesta planta.
A literatura e a música da peregrinación
A peregrinación a Santiago é un dos mellores exemplos para ilustrar a importancia que os elementos literarios e musicais teñen en todas as peregrinacións. O Códice Calixtino, do século XII, ademais da descrición dos camiños de Santiago, os milagres do Apóstolo e a peregrinación de Carlomagno, contén exemplos das primeiras polifonías occidentais: músicas de oración e músicas da liturxia de Santiago; tamén hai músicas de oración e festividade relixiosa en catedrais, mosteiros e bibliotecas ao longo do Camiño de Santiago. O arquivo catedralicio compostelán é o principal colector de parte desa inmensa produción literario-musical.
En todos os pobos con tradición cristiá hai cantos que fan referencia á peregrinación a Santiago. A Grande Chason ou o Jakobslied son exemplos representativos de guías cantadas durante séculos. Os relatos de camiñantes xacobeos mostran infinidade de situacións musicais. Tamén a música culta, o teatro e a literatura están imbuídos pola temática xacobea: cantigas, villancicos, cantatas, sonatas, oratorios, óperas, comedias, entremeses, traxedias e novelas.