A peregrinación e o camiño de Santiago
Os obxectos e rituais relacionados cos peregrinos xacobeos, a vinculación que a música, a literatura e a arte tivo co Camiño de Santiago, a diversidade iconográfica do Apóstolo, así como a amplísima dispersión internacional do culto a Santiago, son os protagonistas nesta planta.
Peregrinación. Símbolos rituais e documentos
O peregrino porta sobre a vestimenta emblemas (realia ou signa peregrinationis). A cuncha da vieira será a insignia xacobea por excelencia. A Veracruz ou as chaves cruzadas serano de Roma e a palma de Xerusalén e Terra Santa. Outros elementos como os bordonciños (cruzados ou non baixo a vieira) ou a cruz de Santiago son símbolos exclusivos xacobeos. Representacións da escarcela, do chapeu, da esclavina, da imaxe de Santiago ou da propia basílica teñen o seu valor como símbolos relacionados coa peregrinación a Compostela.
A peregrinación está chea de rituais desde a saída ata o regreso. O peregrino prepárase antes de abandonar a súa casa. Pode deixar escritas as súas últimas vontades e recibir os atributos do peregrino (bendición de báculos e escarcelas). No camiño visita santuarios e con frecuencia realiza rituais ás veces de raizame pagá en ríos e fontes. Mesmo pode portar unha pedra a modo de penitencia que lanza nun milladoiro. A culminación da peregrinación pódese acreditar documentalmente. A partir do século XV faise entrega de certificados coñecidos como «compostelas».
Símbolos da peregrinación xacobea
A cuncha (Pecten maximus) é o símbolo máis emblemático da peregrinación xacobea. Vendíase na entrada norte da catedral baixo estrito control eclesiástico. Colgada ou cosida á indumentaria, funcionaba como acreditación da condición de peregrino. A regularización da elaboración e comercio de insignias en forma de cuncha en distintos materiais foi monopolizada por un dos gremios máis antigos da cidade: os cuncheiros, baixo o estrito control da autoridade eclesiástica.
Neste espazo podemos gozar dunha das evidencias arqueolóxicas máis antigas do uso da vieira como símbolo identificativo do peregrino xacobeo. A cuncha exposta foi localizada sobre o esqueleto dunha tumba da nave colateral norte, polo que a súa datación sitúase arredor de 1120. As dúas perforacións que presenta testemuñan o seu uso como insignia dun peregrino que culminou a súa peregrinación a Compostela no século XII. Ao contrario do que ocorre na actualidade, a insignia da cuncha só se adquiría á chegada á cidade e levábase colgada no camiño de volta.
A vieira convértese en símbolo identificativo da peregrinación a Compostela e comézase a plasmar en diversos soportes, de uso e función moi variados ao longo da historia, que certifican a vinculación do seu propietario co culto a Santiago ou coa tradición xacobea. O museo conta con diversidade de pezas decoradas con esta simboloxía. Unha selección destes materiais podémola ver exposta neste espazo, o morteiro do século XVIII, a cantimplora con forma de cuncha fabricada en louza de Alcora no último terzo do século XVII e mesmo a impresionante arca tardogótica profusamente decorada con cunchas de vieira.
Outro dos símbolos característicos da iconografía xacobea será a cruz de Santiago, que funcionaba case como unha verdadeira marca de propiedade nos edificios vinculados á Orde de Cabalaría de Santiago e ao culto do Apóstolo. Ao igual que sucede coa vieira, a cruz podémola ver representada en obxectos de diversa natureza e funcionalidade e esta diversidade queda aquí patente con exemplos arquitectónicos, como a clave de bóveda tallada en pedra calcaria cunha cronoloxía entre o século XVI e o XVII, a xerra de louza de Talavera coa cruz de Santiago de finais do XVII ou os fondos documentais vinculados coa orde de Santiago.
Estas obras forman parte, xunto con outros múltiples obxectos de diferente natureza, dos fondos museográficos de vinculación xacobea que custodia este centro.