A peregrinación como fenómeno universal
O Museo das Peregrinacións e de Santiago (MDPS) ten entre os seus eixes temáticos o estudo da peregrinación como fenómeno universal. Por un momento, afastámonos dos Camiños a Santiago e neste primeiro espazo temos ante nós obxectos que nos transportan a realidades culturais ben distintas da perspectiva occidental, pero que no fondo nos están a falar do mesmo proceso espiritual: a peregrinación.
Peregrino, camiño e santuario son elementos imprescindibles na peregrinación. Esta manifestación distínguese de calquera outra viaxe porque determina unha relación especial entre o terreal e o sacro; entre o individuo e a colectividade e supón a transformación do peregrino ao longo do percorrido.
A peregrinación
A peregrinación é un acto que se dá en todas as relixións, é un fenómeno universal de redención e procura. Peregrinar consiste en emprender un camiño ritual en busca da purificación, a perfección ou a salvación.
Case todas as formas de cultura atoparon na peregrinación unha maneira de relacionarse co sacro. As motivacións varían segundo a cultura e a relixión, pero, fundamentalmente, responden a unha petición, ao agradecemento por un don recibido, ao desexo de mellorar na escala social e emocional ou de estar máis próximo á divindade.
O precepto de peregrinación aos lugares sacros está presente tamén noutros cultos maioritarios, como o islam. Temos nesta primeira vitrina un exemplar do século XIX do «Libro do peregrino á Meca», unha obra onde se describen os lugares e prácticas da peregrinación á Meca.
Algunhas das pezas que observamos nesta vitrina pertencen á peregrinación xaponesa do Kumano Kodo, camiño irmandado co de Santiago. Son doazóns de monxes budistas que realizaron o Camiño de Santiago e que, tras chegar á súa meta, lle legaron ao Museo a súa indumentaria de peregrino. As sandalias e o sombreiro expostos foron usados polos monxes zen, Kakuju Matsubara de Tokio e Hakuho Hanahoka do mosteiro de Saitama-Ken, para percorrer o Camiño de Santiago durante o Ano Santo de 1999.
Neste espazo podemos gozar doutros elementos de peregrinación, como o «kakemono», que sería o equivalente da nosa credencial de peregrino e que marca os diferentes santuarios do camiño Saigoku Kannon Junrei, o cal se desenvolve ao oeste de Xapón, na rexión de Kansai.
A peregrinación leva asociado un acto máis intimista, o cal podemos evidenciar a través de obxectos vinculados directamente co acto do rezo. O muíño de oracións é empregado na relixión budista como instrumento mecánico de recitación devocional, función que realiza tamén o rosario budista exposto.