NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Santiago. Historia, tradición e lenda

O descubrimento e identificación dun sepulcro, cuxos restos se atribuíron a Santiago o Maior nos territorios máis occidentais de Europa durante a década do oitocentos vinte, marcan a orixe do culto ao Apóstolo e o nacemento da peregrinación xacobea. As referencias históricas sobre tales acontecementos e a vida de Santiago estiveron sempre envoltas dunha mestura de tradición e lenda. Aínda que a tradición do enterramento do Apóstolo na Gallaecia é anterior ao seu descubrimento por Teodomiro, bispo de Iria, os documentos que relatan tal achado e o traslado do corpo desde Xerusalén son posteriores e non están exentos de certa intencionalidade. A partir do século VI esténdese a crenza de que os apóstolos estaban enterrados alí onde predicaran e a tradición occidental atribúe a Santiago a evanxelización de Hispania. Iso xustifica que antes do descubrimento (inventio) circulasen escritos que recollesen antigas tradicións transmitidas posiblemente pola Igrexa visigoda e sinalasen Finis Terrae como o lugar de enterramento de Santiago.

Lenda. A translatio.

O «Breviario dos Apóstolos» de finais do século VI atribúe a Santiago a predicación no occidente de Hispania e o seu enterramento en A(r)ca Marmarica.

A lenda do traslado do corpo de Santiago (translatio) desde Jaffa ata Galicia pode resumirse así: os discípulos de Santiago recolleron o seu corpo, embarcárono e trasladárono milagrosamente por mar ata Iria Flavia. Esta parte da lenda terá moita repercusión no mundo cristián e será plasmada ao longo da historia en diversos soportes artísticos. Nesta sala podemos atopar a representación deste relato nun soporte numismático único, trátase do óbolo de Fernando II, do século XII, da ceca compostelá. Outra gran testemuña desta lenda son as páxinas do libro que acompaña na vitrina ao óbolo, autoría de Mauro Castellá Ferrer e impreso por Alonso Martín de Balboa no primeiro cuarto do século XVII, no que destaca o gravado realizado cunha estraña perspectiva aérea que contén o mapa dos enclaves xeográficos da translatio terrestre do corpo de Santiago polos seus discípulos Teodoro e Atanasio.

A lenda continúa xa en terras galegas, onde os discípulos do Apóstolo solicitáronlle á raíña Lupa un lugar para enterralo e esta enviounos ao legado romano en Duio quen ordenou a súa prisión, pero foron liberados por un anxo e fuxiron. Lupa tentou enganalos de novo enviándoos ao Monte Ilicino en busca duns bois para trasladar o corpo. Estes eran bravos touros que se amansaron por mor dun prodixio. Alí mataron tamén a un dragón bautizando o monte como Pico Sacro. Finalmente, Lupa converteuse e ofreceulles un lugar para a súa sepultura nunha fraga chamada Libredón. Todo isto forma parte da lenda, non obstante, podemos ver exposta na vitrina do Museo destinada á translatio unha escultura en pedra que representa un personaxe masculino e procede das intervencións arqueolóxicas no castro Lupario, vencellado á lendaria raíña Lupa.

Este tipo de representacións sobre os ciclos xacobeos comezan a tomar gran forza inmediatamente despois do descubrimento do sepulcro (ca. 820-830). Entre eles, a lenda fantástica da translación adquire unha singular importancia. O documento máis antigo que recolle a viaxe do corpo apostólico desde Jaffa ata Iria Flavia (Padrón) para enterralo na actual Compostela é a carta apócrifa atribuída a un papa León (algúns autores asígnanlla a León III) que se sitúa no propio século IX e que chegou ata nós en diferentes versións. O propio Códice Calixtino do século XII recolle unha destas versións coa finalidade de difundir o culto ao Apóstolo e a súa peregrinación. Así, o libro III do citado códice dedícase integramente a referir o traslado desde Jaffa. De todas formas, o libro con máis éxito a nivel internacional para difundir a vida do apóstolo Santiago, incluído a súa translación, sería a Legenda Aurea de Santiago da Vorágine, da segunda metade do século XIII. Recompila información elaborada sobre a translatio. É esta a versión que pode ser considerada como definitiva e sen dúbida a que máis influencia tería na iconografía dos séculos posteriores, tal e como se ve nesta obra.

Vídeo divulgativo:

Galegohttps://youtu.be/CmhcSuF-wI4
Castelánhttps://youtu.be/6O6JmVtvIKk 
Englishhttps://youtu.be/_qjF4vdrHdE