A peregrinación e o camiño de Santiago
Os obxectos e rituais relacionados cos peregrinos xacobeos, a vinculación que a música, a literatura e a arte tivo co Camiño de Santiago, a diversidade iconográfica do Apóstolo, así como a amplísima dispersión internacional do culto a Santiago, son os protagonistas nesta planta.
Santiago no mundo
O descubrimento do corpo de Santiago tivo unha transcendencia especial por ser un dos discípulos máis próximos a Cristo. Para entender a rápida difusión do seu culto e advocación, debemos ter en conta diversos factores: a mentalidade relixiosa que imperaba na Idade Media, o culto ás reliquias e o interese que despertaron as peregrinacións a santuarios e lugares que albergaban estes restos. A aparición do corpo de Santiago nos albores do século IX, nun dos territorios máis afastados de Europa, incentivou a moitos fieis a peregrinar á súa tumba sen importar o seu lugar de residencia e orar ante as súas reliquias, xurdindo un armazón de vías de comunicación polas que se difundiu o culto a Santiago.
A partir do século XVI, cos descubrimentos protagonizados principalmente por Castela e Portugal e a posterior expansión internacional da cultura e da tradición hispanas, levarase o culto a Santiago aos cinco continentes. Moitos dos asentamentos coloniais fundados foron levantados baixo a protección do apóstolo Santiago.
Santiago en España
A tradición mantén a existencia dun culto moi antigo a Santiago na península. De feito defende a cristianización de Hispania polo fillo do Zebedeo. É posible que a Igrexa visigoda reservase un papel destacado ao Apóstolo que pasaría ao reino ástur. Iso explicaría a importancia outorgada a Santiago como «cabeza refulxente e dourada de Hispania», como recolle o himno «O Dei Verbum» arredor do ano 785.
O descubrimento do sepulcro e a peregrinación deron lugar ao nacemento de igrexas, capelas e establecementos de acollida en honra a Santiago o que, sumado á actividade bélica en contra do islam, contribuíu á expansión do seu culto por España e Portugal, na que xogou un destacado papel a Orde de Cabalería de Santiago.
Santiago en Europa
A noticia do descubrimento da tumba apostólica e o intento de vinculalo con Carlomagno contribuirían a difundir o culto a Santiago en Europa. Escritos próximos á data do descubrimento (Martiroloxios de Floro e de Adón) darán a coñecer na sociedade europea anterior ao ano mil a existencia da tumba e do culto que recibe en Compostela. No século XI, consolídanse as rutas de peregrinación desde Europa.
Nacen institucións de apoio ao peregrino como as confrarías para organizar peregrinacións e atender establecementos de acollida. O caso da Confrèrie de Saint-Jacques de París en 1315 é un bo exemplo. Son incontables as evidencias do papel que xogou o culto a Santiago e a peregrinación na configuración de Europa.
A expansión do culto a Santiago arraigou de xeito moi profundo en Europa, sobre todo nos territorios correspondentes ás actuais Alemaña e Francia, con moitas igrexas dedicadas a Santiago e unha gran variedade de representacións do Apóstolo, algunhas con variantes locais, como é o caso da escultura bávara exposta neste espazo, que porta dun lado a tradicional cabaza de peregrino e do outro un ravo como símbolo identificativo. Obxectos devocionais procedentes de toda Europa enriquecen este espazo expositivo e dan fe da expansión do seu culto polo continente.
Santiago en América
A influencia do culto xacobeo en Hispanoamérica foi moi importante desde o mesmo momento da conquista e perdura ata os nosos días. A iconografía específica do culto a Santiago matamouros foi trasladada ao «Novo Continente» como unha extensión do espírito da Reconquista e, en consecuencia, aparece a figura coñecida como Santiago mataindios. A figura protectora do Apóstolo traspasa continentes e podémolo ver agora en territorio americano apoiando a Coroa española na conquista de novos territorios contra os novos «infieis». O Santiago mataindios exposto nesta sala sitúase cronoloxicamente no século XVIII e probablemente estea relacionado coas revoltas de indios contra os españois de finais dese século no Perú.
A figura de Santiago cabaleiro mantivo a súa advocación como protector en América non só das tropas cristiás senón, por extensión, de todo o reino. Co paso do tempo, a imaxe batalladora de Santiago foi reaproveitada polos nativos en contra dos conquistadores, é cando aparece a imaxe de Santiago mataespañois, santo protector destes, xa que Santiago fora asimilado a deuses indíxenas relacionados coas forzas da natureza, coma os lóstregos, os tronos ou as choivas torrenciais. Este sincretismo fai que no século XIX os independentistas tomen a Santiago como defensor dos dereitos indíxenas contra os antigos conquistadores. Neste contexto poderíase incluír o Santiago mataespañois, realizado en prata de Potosí, exposto nesta sala.
Fóra xa dos campos de batalla e do uso do santo guerreiro como ferramenta ideolóxica para fortalecer os bandos implicados, a protección do Santiago cabaleiro na mentalidade hispanoamericana esténdese máis alá, entrando xa nun plano máis intimista. Os exvotos expostos nesta sala evidencian como calou a devoción desta figura na sociedade americana, como intercesor de favores ou figura auxiliadora en circunstancias desesperadas.
O proceso de simbiose cultural entre a cultura americana e a hispana ten efecto directo na forma de vivir a relixiosidade. A asimilación entre as crenzas indíxenas e o catolicismo foi tan profunda que arraigou mesmo nas celebracións festivas. Como consecuencia, na cultura popular aparecen as denominadas danzas «De conquista», na que os bailaríns da danza relixiosa «Santiagos» empregan a indumentaria coñecida como do «apóstolo Santiago cabaleiro». Esta componse basicamente de coloristas sombreiros de aba ancha e cintos como os expostos aquí no Museo. O cinto evoca o cabalo branco e o bailarín actuaría como xinete. Esta festividade difundiuse por toda América e arraigou especialmente en México e América Central con variados nomes locais.