A peregrinación como fenómeno universal
O Museo das Peregrinacións e de Santiago (MDPS) ten entre os seus eixes temáticos o estudo da peregrinación como fenómeno universal. Por un momento, afastámonos dos Camiños a Santiago e neste primeiro espazo temos ante nós obxectos que nos transportan a realidades culturais ben distintas da perspectiva occidental, pero que no fondo nos están a falar do mesmo proceso espiritual: a peregrinación.
Peregrino, camiño e santuario son elementos imprescindibles na peregrinación. Esta manifestación distínguese de calquera outra viaxe porque determina unha relación especial entre o terreal e o sacro; entre o individuo e a colectividade e supón a transformación do peregrino ao longo do percorrido.
Peregrinacións no mundo
Pola súa dispersión xeográfica e cronolóxica, así como pola súa transcendencia e repercusión social e cultural, a peregrinación é un fenómeno antropolóxico de alcance universal.
Hai evidencias de peregrinacións prehistóricas en Mesopotamia, Exipto ou Grecia. No hinduísmo, xa en época védica (antes do século VI a. C.), eran frecuentes as peregrinacións, moitas delas multitudinarias, a ríos e a outros lugares. No budismo existen múltiples centros de peregrinación relacionados con reliquias do propio Buda ou acontecementos da súa vida ou dalgún personaxe importante. O xintoísmo conta con moitos enclaves aos que se peregrina por residir alí os kami ou espíritos da natureza. En moitas outras relixións son innumerables os lugares capaces de atraer a masas de peregrinos con motivacións moi distintas. As tres grandes relixións monoteístas contan con importantes centros que reciben miles e miles de peregrinos: Xerusalén, Roma, Santiago, A Meca ou Medina son os máis destacados.
As fotos das que podemos gozar nesta área son fondos que ingresaron no Museo despois do seu paso por exposicións temporais. Son autoría de nomeados fotógrafos como Shimon Lev, Nacho Castellano ou Luis Baylon, entre outros. Retratan as diversas manifestacións relixiosas e culturais derivadas do acto da peregrinación en diversas zonas xeográficas do mundo.