NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Santiago. Historia, tradición e lenda

O descubrimento e identificación dun sepulcro, cuxos restos se atribuíron a Santiago o Maior nos territorios máis occidentais de Europa durante a década do oitocentos vinte, marcan a orixe do culto ao Apóstolo e o nacemento da peregrinación xacobea. As referencias históricas sobre tales acontecementos e a vida de Santiago estiveron sempre envoltas dunha mestura de tradición e lenda. Aínda que a tradición do enterramento do Apóstolo na Gallaecia é anterior ao seu descubrimento por Teodomiro, bispo de Iria, os documentos que relatan tal achado e o traslado do corpo desde Xerusalén son posteriores e non están exentos de certa intencionalidade. A partir do século VI esténdese a crenza de que os apóstolos estaban enterrados alí onde predicaran e a tradición occidental atribúe a Santiago a evanxelización de Hispania. Iso xustifica que antes do descubrimento (inventio) circulasen escritos que recollesen antigas tradicións transmitidas posiblemente pola Igrexa visigoda e sinalasen Finis Terrae como o lugar de enterramento de Santiago.

Tradición. A evanxelización de Hispania.

As tradicións orientais atribúenlle a Santiago a predicación en Xudea e Samaria, as occidentais resérvanlle a evanxelización da Gallaecia e demais territorios hispánicos. Despois de moitas dificultades conseguiría sete discípulos denominados varóns apostólicos que seguirían co seu labor ao regreso de Santiago a Xerusalén. Outras tradicións defenden a cristianización da península por san Paulo, que manifestaría a súa vontade de predicar en Hispania.

Talvez a chegada da nova relixión á Península viría, xunto con outros cultos orientais, da man de soldados romanos. Roma é consciente tanto do valor xeoestratéxico do noroeste como dos seus importantísimos recursos auríferos, necesarios para o mantemento de tan vasto imperio.

Ao longo deste espazo expositivo podemos observar os restos materiais das culturas que poboaron o noroeste da Península Ibérica antes da implantación da administración romana nestes territorios. A ourivería foi unha actividade notable polos importantes recursos auríferos da zona, característica que alentou a conquista por parte de Roma. Un exemplo extraordinario desta cultura é o conxunto denominado Tesouro do Recouso procedente do homónimo castro (Oroso, A Coruña), depósito de Felipe R. Cordero Carrete.

Outro dos obxectos emblemáticos desta cultura é o torques. O exemplar exposto nestas vitrinas procede do castro de Bardaos (Tordoia, A Coruña). A ourivería foi unha actividade notable polos importantes recursos auríferos da zona, e o torques, un dos adornos persoais máis característicos.

Os seguintes obxectos arqueolóxicos que atopamos remítennos ao contexto histórico da romanización e a implantación definitiva da administración romana no noroeste peninsular. Por unha banda, o tesouriño numismático de Castromaior, formado por un conxunto de denarios de prata e, por outra, os restos arqueolóxicos procedentes de Iria Flavia (Padrón, A Coruña).