NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

A peregrinación e o camiño de Santiago

Os obxectos e rituais relacionados cos peregrinos xacobeos, a vinculación que a música, a literatura e a arte tivo co Camiño de Santiago, a diversidade iconográfica do Apóstolo, así como a amplísima dispersión internacional do culto a Santiago, son os protagonistas nesta planta.

O peregrino xacobeo

En época romana, por peregrino designábase a quen camiñaba por terra allea. Na Idade Media considerábase peregrino a «...aquel que vai á casa de Santiago, en Galicia, ou volve dela» (Dante, Vita Nuova, capítulo XL), distinguíndose así do «romeiro», que ía a Roma e do «palmeiro», a Terra Santa. Con todo, peregrino adoita usarse como sinónimo de romeiro. Así se recolle nas Sete Partidas de Afonso X para referirse a aquelas persoas que se desprazan para visitar santuarios e «...servir a Deus e honrar aos santos».

O peregrino xacobeo é o actor principal da peregrinación a Compostela. O feito de peregrinar propiciou o nacemento do Camiño, as infraestruturas, a normativa de protección dos camiñantes, unha liturxia propia así como un inmenso conxunto de elementos materiais e inmateriais que fixeron singular esta peregrinación. A maioría dos peregrinos de calquera época son persoas anónimas. O franco Bretenaldo pasa por ser, cara ao ano 920, o primeiro peregrino xacobeo estranxeiro coñecido. Godescalco, bispo de Le-Puy, no ano 950, é outro dos máis temperáns.

As motivacións

A peregrinación xacobea nace dunha convicción relixiosa. Interprétase como un «camiño de perfección» e peregrínase por devoción piadosa (orationis causa) ou para pedir unha graza. Para algúns é un «camiño de expiación» para satisfacer un voto. Para outros é un «camiño de purificación» que serve para cumprir unha penitencia, como sucede cos anos de «Gran Perdonanza», para gañar as indulxencias establecidas.

A partir do século XV é tamén un «camiño de coñecemento». Peregrinos movidos polas súas ansias humanistas ou os seus valores cabaleirescos, viaxan a Compostela. Hai tamén peregrinacións forzadas ou por imposición dunha pena civil.

Aspectos culturais, ecolóxicos, deportivos, esotéricos, a meditación ou o escapismo cóntanse tamén entre os moitos motivos polos que hoxe se peregrina a Compostela.

Os libros de viaxe

Os libros, itinerarios, guías ou crónicas de viaxe constitúen unha importante fonte para o estudo da peregrinación xacobea. Ao longo da historia e dende a Idade Media contamos con documentación escrita coa que poder estudar este fenómeno histórico. Estes relatos de viaxe non só constitúen unha fonte histórica directa, senón unha guía e referencia para os demais peregrinos que decidan emprender a súa viaxe.

Nesta sala podemos ver algúns dos manuscritos que deixan testemuño destas viaxes, entre eles un facsímile do xa nomeado libro V do Códice Calixtino, coñecido como a guía do peregrino. Documento excepcional do século XII que ofrece información de interese para peregrinar a Compostela. Un exemplo máis contemporáneo é o Códice de Munehiro. Realizado durante a peregrinación do autor entre 1983-1986, constitúe unha guía fidedigna e detallada do Camiño de Santiago en todos os seus aspectos: xeográficos, culturais, de hospedaxe, de intendencia etc.

Á parte dos libros de viaxe, hai outro tipo de documentación xerada a partir das actividades de peregrinación, como poden ser a xudicial ou legal. Un exemplo desta casuística será a copia de 1565 do libro das Sete partidas de Alfonso X o Sabio exposto nesta sala. Constitúe a base legal escrita que regula as peregrinacións e romarías dende o século XIII.

Cerra este espazo destinado aos libros de peregrinación o Códice de indumentaria feminina. Exemplar do século XVI, ilustrado con 28 mulleres ataviadas ao estilo da época. O seu autor, un anónimo viaxeiro francés, deixou fiel reflexo da indumentaria tradicional feminina de certas poboacións polas que pasou dende unha localidade francesa ata Santiago de Compostela. É moi posible que tomase apuntamentos durante a súa viaxe e que, con posterioridade, o rematase con detalle.

Os medios de transporte

Desde a súa orixe, a viaxe a pé converteuse no principal medio de transporte para o peregrino xacobeo. O uso de animais ou de carruaxes era un privilexio. A debilidade do camiñante, indefenso ante a presenza de animais salvaxes, bandoleiros e criminais, combatíase coa organización de grupos de peregrinos. A miúdo viaxaban con comerciantes que transportaban as súas mercadorías en carros ou ao lombo de animais. Os peregrinos ingleses e doutros territorios nórdicos navegaban ata algún porto francés ou peninsular para proseguir o camiño a pé ata Santiago. Actualmente a peregrinación a pé é maioritaria; o uso de animais ten os seus adeptos; e incrementouse a peregrinación en bicicleta. É posible a peregrinación en cadeira de rodas para persoas con discapacidades físicas.

A Orde de Santiago

A Orde de Santiago foi fundada polo rei Fernando II de León en 1170, en Cáceres, núcleo da defensa da fronteira leonesa cos almohades. Nos freyles conflúe o ideal ascético dos monxes e o cabaleiresco dos soldados. A limpeza de sangue e o sometemento á ríxida disciplina da Regra son condicións imprescindibles. As Comendadoras de Santiago representan a versión feminina.

No século XIII era a orde militar máis rica con múltiples posesións na Península Ibérica. Unha vez que se terminou a Reconquista en 1492, a Orde perdeu a súa función guerreira na península e trasládaa a América. A pertenza á Orde converteríase nunha distinción nobiliaria e mantén o seu poder fáctico ata a súa abolición no século XIX.

A Orde de Santiago prestoulles un servizo fundamental aos peregrinos xacobeos ao garantir a seguridade das rutas de peregrinación. Na planta baixa do museo poderemos gozar do retrato dalgúns dos seus membros ilustres, como o literato do Século de Ouro das letras españolas don Calderón de la Barca ou o comendador de Hornos, coñecido como o Maquiavelo español polos seus labores diplomáticos.

Destacan entre os fondos expostos a importante colección de fondos bibliográficos referidos á historia da Orde de Santiago e ao seu regulamento.

Protección e asistencia do peregrino

A peregrinación xacobea é unha actividade que se vai dotando dunha normativa para protexer ao peregrino e de institucións para facilitar a súa viaxe. As xurisdicións civil e eclesiástica favoreceron a peregrinación con medidas especiais. A Orde de Santiago prestou un servizo fundamental aos peregrinos xacobeos garantindo a seguridade das rutas de peregrinación.

A asistencia sanitaria foi sempre imprescindible no Camiño. Por iso, desde o século IX fundáronse hospitais. En Compostela o Gran Hospital Real, fundado polos Reis Católicos en 1499, acolleu boa parte da asistencia prestada na cidade aos peregrinos. Testemuña destas actividades queda na ampla documentación escrita, pero tamén en curiosos obxectos como o albarelo de farmacopea exposto, fabricado en louza de Talavera, que loce no seu frontal o escudo do Hospital Real. Estas actividades, vinculadas coa preparación de medicamentos, documéntanse noutros espazos como o testemuña o seguinte recipiente, a copa de farmacia de San Martiño Pinario. Como todos os grandes mosteiros, San Martiño Pinario, contou cunha importante botica non só destinada para o seu propio uso, senón tamén para producir medicamentos para os seus priorados.

Mais outros hospitais fixéronse cargo á cura especializada de diversas enfermidades. Tráese a colación o exemplo do hospital de San Roque, fundado no século XVI para acoller os afectados da gran peste bubónica que afectou a cidade, baixo a protección do santo que lle dá nome e que conta con moita devoción na cidade polo seu carácter protector. Podémolo ver na escultura que preside este pequeno espazo, vestido de peregrino e coa simboloxía tradicional que o caracteriza.

Xa pasada a pandemia, o hospital de San Roque especializaríase na curación de enfermos de sífilis. Baixo estas vitrinas, podemos observar parte da vaixela empregada neste hospital no século XVIII. Producida nos obradoiros da «Cartuja de Sevilla». Todos os compoñentes da vaixela presentan o escudo heráldico do arcebispo Francisco Blanco, fundador do hospital.

A Orde de Santiago prestoulles un servizo fundamental aos peregrinos xacobeos ao garantir a seguridade das rutas de peregrinación. A documentación xerada por esta institución é moi abundante, podemos observar algúns dos exemplares manuscritos que chegaron ata nós hoxe en día nas vitrinas deste espazo. Valiosos documentos onde se recollen as normas e regulamentos desta orde protectora do Camiño.

A indumentaria

Ao principio as roupas do peregrino son as propias do camiñante: capa non moi longa, saio, esclavina, sombreiro de aba ancha e calzado resistente. Estes complementos protexían das inclemencias meteorolóxicas e permitían camiñar con comodidade. Criterios territoriais, estacionais e de condición social marcaban as maiores diferenzas, pero despois produciríase unha estandarización da vestimenta que favorecía a identificación do peregrino. Así, o bordón (baculus) e a esportela, zurrón ou escarcela (pera), convertéronse en distintivos do peregrino aos que se unirá a cabaza para levar auga ou viño. Sobre a vestimenta cosíanse insignias distintivas dos santuarios de peregrinación, abundando vieiras e bordonciños xacobeos. A recente incorporación de indumentaria deportiva, con pezas coloristas e cómodas, revolucionou os esquemas no modo de vestir dos peregrinos.

Recordos da peregrinación

Os peregrinos adoitaban levar como recordo obxectos elaborados na cidade. Os máis característicos eran de acibeche que se vendían na entrada norte da catedral baixo un estrito control da Igrexa compostelá. Vieiras, crucifixos, amuletos, colares, rosarios, esculturas de Santiago, obxectos litúrxicos... eran despachados polos acibecheiros. Non faltaban pezas en prata, aínda que moitas veces con máis valor evocador que económico, e sobre todo medallas coa imaxe de Santiago e as conmemorativas dos Anos Santos en distintos metais.

A elaboración e comercialización de recordos para os peregrinos reportaba importantes beneficios á cidade. Estes obxectos continúan sendo hoxe ofertados en múltiples establecementos e non faltan aqueles que son produto dunha globalización e mercantilización característicos do turismo actual.